Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo reivindica a loita contra a discriminación dos colectivos LGTBI+ e polo avance nos seus dereitos

O Concello de Lugo reivindica a loita contra a discriminación dos colectivos LGTBI+ e polo avance nos seus dereitos

A edil Silvia Alonso destacou o compromiso do Goberno de Lara Méndez na defensa da dignidade das persoas, á marxe da orientación sexual ou identidade de xénero

A asociación ALAS leu un manifesto condenando que “certos grupos presentes xa nas institucións sosteñan discursos cheos de odio cara a distintos colectivos minoritarios.”

Durante o acto, izouse a bandeira LGTBI, que ondeará na fachada da Casa do Concello.

  • Tema
    • Axenda institucional,
    • Benestar social,
    • Igualdade,
    • Igualdade de dereitos,
    • Inclusión
Luns, 28 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo reivindica a loita contra a discriminación dos colectivos LGTBI+ e polo avance nos seus dereitos

A concelleira de Igualdade e Muller, Silvia Alonso, acompañada por membros da Corporación Municipal, asistiron este luns ao acto institucional organizado polo Concello de Lugo con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI+ na Praza Maior.

A edil destacou o firme compromiso por parte do Executivo presidido pola alcaldesa, Lara Méndez, “na loita polo respecto á diversidade e na defensa da dignidade das persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero, e para iso é necesario avanzar na consolidación e na mellora dos seus dereitos”. A concelleira aproveitou para recordar que, no día de mañá “o Consello de Ministros dará luz verde ao anteproxecto de lei LGTBI, un novo paso máis e importante nesta batalla pola igualdade”.

O manifesto deste ano polo día do Orgullo foi elaborado e lido por representantes da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual de Lugo (ALAS).

O manifesto incidiu na importancia de achegarnos a unha democracia realmente inclusiva e respectuosa coa diversidade e cos dereitos de todas as persoas. Tamén fixo fincapé na necesidade avanzar na plena visibilidade en todos os ámbitos e ratificar a necesidade de políticas a favor da diversidade sexual e a non discriminación.

Ademais, condenouse que, en pleno 2021, “certos grupos presentes xa nas institucións sosteñan discursos cheos de odio cara a distintos colectivos minoritarios, desexando unha sociedade máis inclusiva, máis diversa e baleira de odio”.

Este acto, que finalizou ca solta de globos biodegradables das seis cores da bandeira, pon o punto e final a uns días cheos de actividades organizadas en colaboración cos colectivos ALAS e Aqde.

Durante toda a xornada, a bandeira LGTBI ondeará na fachada da Casa do Concello, ante a necesidade de visibilizar o aumento dos actos homofóbicos nun 8,6% segun o último Informe da Evolución dos Delitos de Odio, realizado polo Ministerio do Interior.

Máis info

  • Acto Institucional "Día Orgullo LGTBI 1" | Descargar mp3 [1]
  • Acto Institucional "Día Orgullo LGTBI 2" | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-reivindica-loita-contra-discriminacion-dos-colectivos-lgtbi-e-polo-avance

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/280621_acto_institucional_dia_orgullo_lgtbi_1.mp4
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/_instrucions_xerais_admision_ordinario_adultos_2021_2022_vf.pdf