Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo reforza a reacción ante a situación de crise con medidas de apoio á reactivación do mercado laboral

O Concello de Lugo reforza a reacción ante a situación de crise con medidas de apoio á reactivación do mercado laboral

  • Tema
    • Economía
Xoves, 18 de marzo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego do Concello de Lugo, Sonia Méndez, participou hoxe nun almorzo coa Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo (AJE) onde destacou o reforzo e a rápida reacción do Goberno local ante a situación de crise con medidas de apoio á reactivación do mercado laboral.

Sonia Méndez citou como factores desa rápida reacción, as medidas de contención fiscal aplicadas polo Concello de Lugo como a conxelación dos impostos municipais ou as licenzas de apertura.

Neste sentido, referiuse á ampliación das bonificacións como aquelas relacionadas co medioambiente: vehículos ecolóxicos ou obras que incorporen sistemas de aproveitamento da enerxía solar.

Entre as importantes accións desenvolvidas polo Goberno que dirixe José López Orozco atópase a redución dos gastos de funcionamento que vai parella a un aumento do gasto social.

No relativo ao gasto social, o Concello de Lugo é a administración local que máis inviste do Estado neste concepto a través de programas de inserción laboral e formación.

Sonia Méndez destacou así mesmo o alto investimento en obra pública coa creación de máis de 1.000 postos de traballo derivados das actuacións do Plan Urban e da primeira convocatoria do Plan E.

Ademais destas importantes medidas, a Concelleira de Economía e Emprego referiuse ao esforzo levado a cabo nas axudas a pemes grazas ao Plan Urban que potencian a revitalización comercial e turística do centro histórico ou o labor realizado desde o Centro de Empresas e Innovación (CEI) con programas personalizados de consolidación e xestión económica, entre outros.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-reforza-reaccion-ante-situacion-de-crise-con-medidas-de-apoio-reactivacion