Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo recupera este ano a celebración das cacharelas por San Xoán

O Concello de Lugo recupera este ano a celebración das cacharelas por San Xoán

A alcaldesa, Lara Méndez, ditaba hoxe un bando no que se recolle a normativa que rexerá a organización das fogueiras.

A cidadanía, que ten as solicitudes á súa disposición na Policía Local, poderá pedir os permisos até as 13:00 horas do próximo xoves, 23 de xuño.

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Xestión cultural,
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade
Venres, 03 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo abriu hoxe o prazo de solicitude para a celebración das cacharelas de San Xoán.

Unha tradición que se recupera, logo de dous anos de pandemia e que a rexedora local, Lara Méndez, encadra na “volta á normalidade que nos está a permitir retomar costumes e festas que tiñamos adiadas, priorizando a saúde e a protección da cidadanía. Porén, tendo en conta que xa non hai as restricións de exercicios pasados, neste 2022 o Concello volverá conceder permisos con normalidade para que todas aquelas parroquias ou barrios do municipio que o desexen poidan festexar o Lume Novo”, sinalou.

As organizacións ou particulares interesados en organizalas poden acceder ás instancias na sede da Policía Local e solicitalas até o próximo xoves, 23 de xuño, segundo recolle o bando ditado pola Alcaldía esta mesma mañá.

Un documento no que se indican as normas ás que deben axustarse as fogueiras e no que se contempla a prohibición da queima de rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como de materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos. Tampouco estará permitido lanzar foguetes.

Tal e como sinala o texto, os lumes deberán afastarse de localizacións nas que existan liñas eléctricas, inmobles, zonas verdes ou xardíns e tampouco poderán realizarse no Centro Histórico nin en emprazamentos que entrañen algún tipo de perigo para a poboación.

Ademais, as persoas responsables das mesmas deberán, á súa finalización, retirar do lugar da celebración todos os restos que queden unha vez rematado o evento coa advertencia de que, en caso de incumprimento dalgún destes termos, o Servizo de Extinción de Incendios, a requirimento da Policía Local, procederá a apagala de inmediato.

Documento

  • Bando das cacharelas | Descargar pdf [1]

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os permisos das cacharelas | Descargar mp3 [2]
 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-recupera-este-ano-celebracion-das-cacharelas-por-san-xoan

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/bando_cacharelas_san_xoan_2022.pdf
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/030622_lara_mendez_-_permisos_cacharelas.mp3