O Concello de Lugo presenta unha programación especial para esta fin de semana para celebrar o Día das Letras Galegas dedicado a Begoña Caamaño
- Tema
- Animación sociocultural,
- Programación cultural,
- Promoción da lingua
O Concello de Lugo presentou esta mañá a programación organizada pola Área de Cultura con motivo do Día das Letras Galegas, unha celebración que este ano rende homenaxe á escritora e xornalista Begoña Caamaño.
A alcaldesa, Elena Candia, destacou que esta conmemoración “representa moito máis ca unha homenaxe literaria, porque tamén é unha oportunidade para reivindicar a nosa lingua, a nosa identidade e a cultura galega como elementos de unión e convivencia”.
A programación deseñada polo Concello combina literatura, música, creación artística, memoria histórica e actividades familiares coa intención de achegar a figura de Begoña Caamaño á cidadanía “dun xeito vivo, próximo e participativo”, apostando por unha oferta gratuíta e aberta a todos os públicos.
Os actos desenvolveranse o sábado 16 e o domingo 17 de maio:
Sábado 16 de maio
Programación no Vello Cárcere
- 11:30 a 13:00 horas – Club de lectura aberto: “Mulleres que reescriben os mitos”, arredor das obras Circe ou o pracer azul e Morgana en Esmelle. Actividade para maiores de 14 anos.
- 12:00 a 13:00 horas – Obradoiro familiar: “Monstros e heroínas do mar”. Actividade dirixida a familias con nenos e nenas de 4 a 12 anos.
- 17:00 a 18:30 horas – Ruta participativa: “Palabras presas, palabras libres”, unha visita guiada con perspectiva de xénero centrada na memoria das mulleres presas no Vello Cárcere.
Domingo 17 de maio
No templete da praza maior
- 11:30 a 13:00 horas – Encontro cos Bolechas
- 17:30 a 19:30 horas– Lectura pública das obras de Begoña Caamaño coa participación cidadá, acompañamento musical de Claustromúsic@ Lugo e conducida pola xornalista Raquel González.
No Vello Cárcere
- 11:30 a 13:00 horas – Contacontos teatralizado: “Circe en O Vello Cárcere”, dirixido ao público familiar.
- 12:00 a 13:00 horas – Conversa literaria: “Ler a Begoña hoxe”, sobre a obra e o legado da autora homenaxeada.
- 17:00 a 18:30 horas – Obradoiro interxeracional: “Cartas para Morgana”, arredor da escritura creativa e da revisión da historia desde unha perspectiva de xénero.
- 18:30 a 19:00 horas – Lectura pública dos textos elaborados durante o obradoiro.
A alcaldesa puxo en valor o papel da cultura galega como ferramenta de cohesión social e destacou a importancia de “seguir creando espazos compartidos arredor do galego, especialmente entre as novas xeracións”.
Con esta programación, o Concello de Lugo reafirma o seu compromiso coa promoción da lingua galega e coa difusión da creación cultural feita en Galicia, apostando por unhas Letras Galegas abertas, inclusivas e participativas.
IMPORTANTE: As inscripcións poderanse facer no teléfono 982 297195 en horario de 11.00 a 14.00 horas ou de 16.00 a 20.00 horas ou ben no correo electrónico vellocarcere@lugo.gal [1]
