Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo pide “que deixen traballar ao Goberno” para facer realidade o novo centro de saúde do Sagrado Corazón tras desbloquear e facerse coa súa propiedade

O Concello de Lugo pide “que deixen traballar ao Goberno” para facer realidade o novo centro de saúde do Sagrado Corazón tras desbloquear e facerse coa súa propiedade

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Benestar social,
    • Infraestruturas,
    • Obras en execución,
    • Sanidade,
    • Urbanismo
Venres, 11 de setembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo quere aclarar á cidadanía que as recentes manifestacións do voceiro do grupo municipal do PSOE, Miguel Fernández, sobre un suposto convenio para a parcela do antigo colexio do Sagrado Corazón, son totalmente falsas. Non existe ningún convenio asinado ao respecto.

A realidade administrativa é que o Concello adquiriu legalmente a propiedade dos terreos tras a sinatura, realizada onte ás 10:00 horas da mañá na Casa do Concello, da acta de expropiación. Este constitúe un paso imprescindible que os anteriores gobernos non foron capaces de dar en anos.

Desde o Goberno local pídese responsabilidade aos socialistas e esíxese que “non se confunda á veciñanza do barrio con estratexias políticas e cortiñas de fume para tapar a súa falta de traballo durante 25 anos". Así mesmo, lémbrase que a Xunta de Galicia leva reservando partidas orzamentarias específicas para esta infraestrutura sanitaria desde o ano 2021, unha oportunidade que non se materializou nin se aproveitou por parte dos que agora “faltan á verdade para confundir á veciñanza”.

Coa parcela xa en mans de todos os lucenses, a única e absoluta prioridade do Concello é traballar con lealdade institucional para facer realidade o novo centro de saúde, garantindo unha localización accesible, ben comunicada e con boa iluminación. Unha vez definida e executada a dotación sanitaria, e sempre en función das posibilidades técnicas do soar, avaliaranse o resto de usos complementarios en consenso coa veciñanza.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-pide-que-deixen-traballar-ao-goberno-para-facer-realidade-o-novo-centro-de