Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo levará a campaña “Lugo, parte do teu camiño” ao Caudal Fest, un dos grandes escaparates culturais do país

O Concello de Lugo levará a campaña “Lugo, parte do teu camiño” ao Caudal Fest, un dos grandes escaparates culturais do país

O lema da cidade estará presente en todos os soportes do festival, tanto físicos como dixitais, para reforzar a imaxe de Lugo como destino turístico, cultural e patrimonial.

O festival, que terá lugar os días 19 e 20 de setembro nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos, reúne cada ano a máis de 30.000 persoas e sitúa a Lugo no mapa dos grandes eventos musicais de Galicia e do Estado.

O alcalde, Miguel Fernández, subliña que “o Caudal Fest é unha oportunidade única para reforzar a campaña ‘Lugo, parte do teu camiño’ e para sumar sinerxías entre cultura, turismo e cidade. Queremos que as máis de 30.000 persoas que veñen ao festival leven tamén unha parte de Lugo con elas”.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Música,
    • Xestión cultural
Luns, 21 de xullo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo levará a campaña “Lugo, parte do teu camiño” ao Caudal Fest, un dos grandes escaparates culturais do país

O Concello de Lugo reforzará a presenza da campaña turística e de marca cidade “Lugo, parte do teu camiño” no Caudal Fest 2025, un dos grandes eventos culturais e musicais do país, que celebrará a súa próxima edición os días 19 e 20 de setembro nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos.

Como explicou o alcalde, Miguel Fernández, “falamos dun dos festivais de referencia de Galicia, que trae cada ano a máis de 30.000 persoas a Lugo e que xera un impacto económico e cultural de primeiro nivel. Non podiamos deixar pasar a oportunidade de sumar a Lugo a esta festa da música e da creatividade, vinculando a nosa imaxe a un evento que xa é unha cita consolidada no calendario estatal”.

A campaña municipal estará presente nos principais soportes do festival: desde os carteis oficiais ata as entradas, pasando polas redes sociais do Caudal Fest, os vídeos promocionais, as pantallas do recinto e os espazos físicos de sinalización durante o evento.

“O que buscamos é facer cidade tamén dende a cultura e o lecer, e facelo de forma intelixente, vinculando Lugo a un evento que atrae público de toda Galicia e de outras comunidades autónomas”, subliñou Miguel Fernández. “Queremos que cada persoa que pase polo Caudal Fest coñeza o noso patrimonio, a nosa historia, a nosa gastronomía e a nosa identidade. Lugo non é só un lugar no mapa, é unha experiencia completa.”

O rexedor explicou que esta acción encaixa na estratexia global de promoción turística iniciada coa campaña “Lugo, parte do teu camiño”, presentada en FITUR. “A nosa cidade é a única do mundo onde é Ano Santo todos os días, grazas á Indulxencia Plenaria da Catedral. Somos cidade Patrimonio, somos Reserva da Biosfera, e somos tamén gastronomía, cultura contemporánea e música. Queremos que todo iso forme parte da experiencia Caudal Fest”.

O festival conta este ano cun cartel de luxo, con artistas como Love of Lesbian, Melendi, Carolina Durante, Zahara, Duncan Dhu ou Vega, entre outros. Ademais, incluirá propostas da escena alternativa galega como Músculo!, Kike Varela ou Lisdexia. “O Caudal Fest está apostando por un modelo de festival diverso, que combina grandes cabezas de cartel con artistas emerxentes. E iso encaixa coa nosa visión de cidade: unha Lugo aberta, plural, que aposta polo talento e pola cultura para todas as idades”, sinalou o alcalde.

Fernández destacou tamén o valor do festival como motor económico e turístico: “O Caudal Fest xera emprego, ocupa ao cento por cento os hoteis da cidade, dinamiza a hostalería e converte Lugo nun polo de atracción cultural. Pero ademais, queremos que sexa unha oportunidade para dar a coñecer Lugo como destino todo o ano, non só durante o festival”.

O alcalde concluíu lembrando que a cidade seguirá traballando para asociar a súa imaxe aos grandes eventos: “Temos claro que o futuro de Lugo pasa por apostar pola cultura, polo turismo de calidade e polos eventos que nos poñen no mapa. Esta campaña é unha ferramenta importante para consolidar Lugo como cidade moderna, viva e acolledora. Porque, como di o lema, Lugo é parte do camiño de cada persoa que nos visita”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-levara-campana-lugo-parte-do-teu-camino-ao-caudal-fest-un-dos-grandes