Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo incrementa este verán o cadro de socorristas para velar pola seguridade dos e das bañistas tamén na Praia Fluvial

O Concello de Lugo incrementa este verán o cadro de socorristas para velar pola seguridade dos e das bañistas tamén na Praia Fluvial

O servizo disporá de 6 efectivos, 2 máis do habitual, que realizarán o seu traballo a xornada completa, en quendas e por tres meses para poder cubrir a campaña estival ao completo.

A Xunta de Goberno aprobou esta semana as bases do proceso selectivo que constará dunha proba práctica e da valoración dun baremo de méritos no que se prima a formación.

Protección Civil convida ás e aos demandantes de emprego a inscribirse na oferta.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Deportes,
    • Instalacións deportivas,
    • Emprego,
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade
Venres, 03 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo incrementa este verán o cadro de socorristas para velar pola seguridade dos e das bañistas tamén na Praia Fluvial

O Concello de Lugo contará este verán cunha brigada de media ducia de socorristas, dous máis do habitual, que se encargarán da vixilancia e o salvamento acuático nas áreas recreativas fluviais da capital entre as que se integrará, tamén, a nova Plataforma de Baño Pública.

Para que os dispositivos de seguridade estean xa dispoñibles no momento no que se abra ao público a Praia Fluvial, esta semana o Executivo local validaba en Xunta de Goberno as bases de selección do persoal, que prestará os seus servizos a xornada completa e por quendas, durante tres meses, co fin de garantir a cobertura durante toda a campaña estival.

A convocatoria amplía as achegas autonómicas concedidas ao abeiro das subvencións para o fomento e mellora da empregabilidade no ámbito da colaboración coas entidades municipais. De maneira que no canto dos 4 traballadores concedidos pola Xunta por un prazo de dous meses, a Administración local incrementará o equipo e estenderá a contratación a 6 socorristas que exercerán o seu labor o trimestre enteiro.

O proceso, que se cursará a través do SPEG (Servizo Público de Emprego de Galicia) co fin de axilizalo o máximo posible, constará de dúas fases nas que se inclúe a realización dunha proba práctica combinada cunha duración de tres minutos na que as persoas concorrentes deberán realizar nado libre con volteo e viraxe, mergullo, recollida dun manequín e o seu remolque e arrastre, así como a valoración dun baremo de méritos nos que primará a formación da que estean en posesión os e as candidatas. Dende Protección Civil convídase ás e aos demandantes de emprego a inscribirse nesta oferta.

Con este servizo, o Goberno de Lara Méndez pretende garantir a seguridade da cidadanía na contorna do río no seu conxunto, onde ademais das zonas de baño se están a desenvolver outros proxectos que revitalizarán este espazo aumentando o número de dotacións á disposición da veciñanza para o desfrute do seu tempo de lecer e para a socialización e a práctica deportiva.

Audio

  • A edil Paula Alvarellos, sobre a contratación de socorristas | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-incrementa-este-veran-o-cadro-de-socorristas-para-velar-pola-seguridade-dos

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/030622_paula_alvarellos_-_contratacion_socorristas.mp3