Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo impulsa un cento de cursos gratuítos en colaboración con Foro de Formación

O Concello de Lugo impulsa un cento de cursos gratuítos en colaboración con Foro de Formación

O Plan de Formación en Economía Social 2025, cofinanciado por FUNDAE, ofrece accións formativas online para traballadores/as, autónomos e persoas desempregadas.

A programación abrangue seis grandes modalidades que van da economía social á industria alimentaria, pasando polo sector agrario, químico, medioambiental e servizos de limpeza.

O concelleiro Mauricio Repetto destacou que “a mellora da empregabilidade é clave para fortalecer o noso tecido produtivo e abrir novas oportunidades á veciñanza de Lugo”.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Servizos sociais,
    • Educación,
    • Formación,
    • Emprendemento,
    • Novas tecnoloxías
Mércores, 08 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo impulsa un cento de cursos gratuítos en colaboración con Foro de Formación

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Dinamización Económica, colabora con Foro de Formación e Edicións, na difusión e captación de alumnado para o Plan de Formación en Economía Social 2025, un programa cofinanciado por FUNDAE e totalmente gratuíto para a cidadanía.

A iniciativa pon á disposición da veciñanza un cento de cursos online, orientados a mellorar as competencias profesionais e favorecer a inserción laboral. Están dirixidos a persoas traballadoras en activo, autónomas e desempregadas, reservándose un 30% das prazas especificamente para estes dous últimos colectivos.

O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, subliñou que “a mellora da empregabilidade é clave para fortalecer o noso tecido produtivo e abrir novas oportunidades á veciñanza de Lugo. Con esta colaboración queremos garantir que quen precise actualizar coñecementos ou adquirir novas competencias poida facelo sen custo e con flexibilidade”.

A programación estrutúrase en seis grandes modalidades. A economía social e as competencias transversais inclúen formacións en liderado feminino, emprendemento social, fiscalidade cooperativa, intelixencia artificial, ciberseguridade, dixitalización ou inglés en distintos niveis. O sector agrario, forestal e pecuario abrangue cursos de apicultura tradicional e ecolóxica, pragas e enfermidades, técnicas de poda, extinción de incendios forestais, uso eficiente da auga ou sistemas de información xeográfica. A industria química ofrece formación en procesos de planta, ensaios clínicos, prevención de riscos laborais, impresión 3D, cosmética e dermofarmacia ou produción lean. O bloque medioambiental céntrase en reciclaxe, xestión de residuos perigosos, auditoría ambiental, desenvolvemento sostible ou primeiros auxilios en instalacións deportivas. A industria alimentaria abrangue seguridade e calidade, microbioloxía, etiquetado de produtos, panadaría innovadora ou intolerancias alimentarias. Finalmente, o eido dos servizos ambientais e da limpeza profesional ofrece accións en limpeza hospitalaria, escolar e industrial, coordinación de equipos, manexo de biocidas ou reciclaxe.

Segundo explicou Repetto, “falamos dunha oferta ampla, que combina sectores tradicionais do noso rural con áreas de vangarda como a dixitalización ou a intelixencia artificial. Queremos que Lugo sexa tamén un referente en formación ao servizo da cidadanía”.

Todas as accións formativas desenvolveranse en modalidade online, o que facilita a conciliación e a flexibilidade horaria. A inscrición xa está aberta e pode formalizarse a través da web municipal, con acceso directo ao portal de cursos en: www.forodeformacion.org/cursos-gratuitos-ayuntamiento-de-lugo [1].

O concelleiro salientou que “a flexibilidade e a gratuidade son dous elementos fundamentais: a formación debe adaptarse á vida das persoas, e non ao revés. Este plan dálle esa oportunidade a quen precise mellorar o seu perfil profesional”.

En experiencias anteriores, esta iniciativa permitiu que máis de 500 persoas da cidade adquirisen novas competencias cun índice de finalización do 97%. Repetto concluíu que “Lugo ten que ser unha cidade que forme, reteña talento e xere oportunidades. Con este cento de cursos damos un paso firme nesa dirección”.

Audio

  • O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, impulsa un cento de cursos gratuítos en colaboración con Foro de Formación | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-impulsa-un-cento-de-cursos-gratuitos-en-colaboracion-con-foro-de-formacion

Ligazóns:
[1] https://www.forodeformacion.org/cursos-gratuitos-ayuntamiento-de-lugo
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/100825_audio_o_concello_de_lugo_impulsa_un_cento_de_cursos_gratuitos_en_colaboracion_con_foro_de_formacion.mp3