Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo homenaxea ás xogadoras do Emevé Aida, Iris e Patricia

O Concello de Lugo homenaxea ás xogadoras do Emevé Aida, Iris e Patricia

  • Tema
    • Deportes
Luns, 29 de xuño de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, membros da Corporación Municipal, representantes do Club Emevé e outras autoridades, descubriron esta mañá na Casa do Deporte do Concello de Lugo unha placa na honra das xogadoras do Emevé falecidas nun tráxico accidente de tráfico o pasado mes de maio. Neste acto tamén estiveron presentes familiares e amigos das rapazas.

A placa, sita na entrada do centro deportivo da cidade, conta cunha lembranza ao club e os nomes completos das mozas homenaxeadas: Aida Cela, Iris Arias e Patricia Xavier.

Ademais, o Concello decidiu darlle o nome de cada unha das rapazas -Patricia, Iris e Aida- a cada unha das canchas da Casa do Deporte que de forma habitual emprega este club para os seus adestramentos.

Deste xeito o Concello de Lugo, conxuntamente co club Emevé, quixo renderlles unha homenaxe e lembrar, dende un centro deportivo como é a Casa do Deporte, o traballo realizado por este club e estas rapazas, recoñecer así a súa dedicación polo voleibol lucense que ten acadado importantes títulos deportivos levando o nome da cidade ao máis alto.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-homenaxea-xogadoras-do-emeve-aida-iris-e-patricia-0