Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo exporta seus almorzos saudables

O Concello de Lugo exporta seus almorzos saudables

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo está a exportar o modelo dos almorzos saudables que puxo en marcha hai catro anos e que recentemente foi coñecido in situ pola propia Ministra de Sanidade, Elena Salgado. O Alcalde explicou que varias comunidades autónomas como Cataluña ou Asturias demandaron información ó Concello para poñer en marcha este mesmo modelo. López Orozco compartiu o Día Mundial do Consumidor con 120 persoas, a maioría da Asociación de Amas de Casa e Consumidores.

O Alcalde de Lugo, a Concelleira de Servizos Xerais, a Presidenta da Asociación de Amas de Casa e Consumidores, o Delegado Provincial de Sanidade, o Director Provincial do SERGAS e a Delegada Provincial de Sanidade da Coruña asistiron ó almorzo saudable que celebrou, no Hotel Torre de Núñez, o Concello de Lugo con 120 persoas da Asociación da Amas de Casa e Consumidores.

Varias cidades e pobos galegas como Ferrol, Pontevedra, Guitiriz ou o Caurel e comunidades autónomas como a catalana ou Asturias solicitaron información á Concellería de Servizos Xerais para crear almorzos saudables como os de Lugo. Os especialistas afirman que está cientificamente demostrado que os nenos e adolescentes que almorzan fan unha mellor distribución das calorías inxeridas, teñen máis capacidade de atención e participación na clase e son máis felices.

O Alcalde amosou a súa "satisfacción e orgullo de cidade por poder exportar os nosos almorzos". López Orozco lembrou as dúas guías de saúde editadas recentemente polo Concello e avogou por unha alimentación saudable e un consumo responsable.

O mandatario municipal destacou o papel da Asociación de Amas de Casa "porque vostedes defenden os intereses públicos e evitan calquer abuso ó consumidor". O Alcalde afirmou que seguirá a colaborar con asociacións como esta que ademais traballan en favor da cidade sen ánimo de lucro.

Os comensais compartiron un almorzo saudable con froita, cereais, lácteos e pan con aceite. Para rematar, a Delegada Provincial da Coruña, experta endocrina do Hospital de Santiago, ofreceu unha conferencia sobre alimentación saudable.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-exporta-seus-almorzos-saudables