Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo e a USC asinan un convenio de colaboración para o fomento do emprendemento entre os universitarios

O Concello de Lugo e a USC asinan un convenio de colaboración para o fomento do emprendemento entre os universitarios

  • Tema
    • Economía
Martes, 29 de decembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o reitor da USC, Senén Barrio, asinaron esta mañá na Casa do Concello dous convenios no marco de colaboración que manteñen as dúas institucións.

O Alcalde explicou que “con esta sinatura materialízase a extraordinaria colaboración entre a USC e o Concello”. E engadiu que “coa boa materia prima que temos en Lugo como é o coñecemento, temos que aproveitar as sinerxías e o traballo en común a favor das empresas e dos emprendedores nesta cidade”.

O primeiro deles nace co obxectivo de fomentar entre os membros da Comunidade Universitaria e investigadores vinculados á USC a creatividade aplicada á empresa, ao espíritu emprendedor e á capacidade de xerar riqueza detectando oportunidades de negocio e facilitando as ferramentas necesarias para a posta en marcha de iniciativas empresariais. Por iso, promoverase a participación dos promotores universitarios nas accións do Programa Uniemprende da USC e nas que se desenvolvan no CEI-Nodus coa mesma finalidade.

Coa firma deste convenio a USC responsabilízase da detección de emprendedores interesados en incorporarse a estes programas, así como a súa tutela e asesoramento especializado a través do persoal adscrito á universidade. Así mesmo, a USC, a través dos mecanismos ou entidades que teñan promovido para a financiación de iniciativas empresariais innovadoras, estudará de forma preferente o apoio financeiro a proxectos empresariais que xurdan da colaboración entre ambas as institucións.

Pola súa banda, o Concello de Lugo comprométese a garantir un acceso preferente ás instalacións do CEI [1] a todos os membros da Comunidade Universitaria que, no marco do Programa Uniemprende, presenten un proxecto viable para a creación e posta en marcha dunha iniciativa empresarial. Ademais, o CEI-NODUS [1] porá a disposición dos emprendedores beneficiarios, ademais do aloxamento, a experiencia do equipo técnico multidisciplinar adscrito ao centro, experiencia acumulada durante os anos en que estiveron traballando no asesoramento para á creación e posta en marcha de iniciativas empresariais. As actividades que se desenvolverán no marco deste convenio terán unha duración de 2 anos.

Axuda ao alumnado estranxeiro
O Alcalde e o Reitor firmaron, ademais, outro convenio para facilitar a residencia aos estudantes estranxeiros do Campus de Lugo.

O Concello, comprometido coa promoción da interculturalidade e con que os estudantes que veñen de fóra se sintan como na casa, participando da vida da cidade, colaborará coa universidade en proporcionarlles facilidades para o acceso a unha vivenda adecuada as súas necesidades e facilitarlle aos propietarios das vivendas o seu arrendamento. López Orozco indicou que se trata dunha gran oportunidade para dar a coñecer Lugo.

Pola súa banda, o reitor explicou que “os estudantes estranxeiros ademais de formarse nos centros recibirán formación desta cidade amable, da gastronomía, do urbanismo e das boas xentes de Lugo”.

O Concello de Lugo comprométese a realizar unha recepción institucional na Casa Consistorial para dar a benvida a cada un dos grupos de estudantes estranxeiros que reciba o Campus lucense. Ademais, entregará a cada estudante información de interese para a súa estadía en Lugo: sobre as actividades xuvenís e culturais, liñas de transporte urbano, guías turísticas da zona urbana e da rural, instalacións culturais, sociais e deportivas, etc.

O Concello de Lugo impartirá aos estudantes charlas sobre posibilidades de emprego e autoemprego en Lugo nas instalacións do Espazo>Lab [2]. Así mesmo, recibirán a información sobre programas e iniciativas europeas da Oficina de Información Europea “Eurodesk” [3]. Segundo explicou o Alcalde, os estudantes terán á súa disposición o servizo da asesoría xurídica da Concellería de Xuventude para a consulta de todas as xestións entre a persoa demandante e as futuras persoas arrendadoras, así como o servizo de atención ao cidadán 010.

Pola súa banda, a USC difundirá entre o alumnado estranxeiro do Campus de Lugo a información relativa ao programa de residencia, obxecto deste acordo, cos beneficios e compromisos que asumirían de adherirse a dita iniciativa.

A Universidade achegará ao Concello a listaxe cos datos dos estudantes estranxeiros que se adhiran ao programa, con antelación suficiente para iniciar o programa de residencia anual. Os estudantes estranxeiros que se adhiran ao programa participarán nas distintas actividades que organice o Concello de Lugo, relativas a charlas en diferentes centros relacionadas cos seus países de orixe, así como conversas, coas persoas usuarias das Casas das Linguas [4] municipais, no idioma estranxeiro que dominen.
           
Este protocolo terá unha duración dun ano (curso 2009-2010), que poderá ser prorrogable por acordo das partes.

En definitiva ambas as dúas institucións comprométense a unir esforzos, compartindo traballo, coñecementos e experiencias, para profundar no desenvolvemento de estratexias que favorezan a integración social dos estudantes doutras nacionalidades e facilitarlles un aloxamento adecuado mentres residan en Galicia.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-e-usc-asinan-un-convenio-de-colaboracion-para-o-fomento-do-emprendemento

Ligazóns:
[1] http://cei.lugo.es
[2] http://www.lugo.es/espazolab
[3] http://www.lugo.es/europedirect
[4] http://www.lugo.es/cs/Satellite?c=Spark_SecNivel3&cid=1192618011095&color=Rojo&idContenido=1227484605557&idioma=gl&pagename=Spark%2FSpark_SecNivel3%2FCLPlantSecNivel3Detalle&rutaPadre=1189079594664&tipoContenido=Spark_Centros&tipoLetra=Texto1