Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo e Ecoembes colaboran para mellorar a recollida selectiva de residuos de envases e papel-cartón

O Concello de Lugo e Ecoembes colaboran para mellorar a recollida selectiva de residuos de envases e papel-cartón

O acordo permitirá incrementar a dotación de contedores de recollida selectiva, con medio centenar de novas unidades que se instalarán en diferentes zonas do municipio.

Ecoembes, no marco da súa colaboración co Concello de Lugo, realiza unha inversión de 17.000 euros para mellorar a contenerización de residuos na cidade.

“Este acordo reflicte o compromiso do Executivo de Paula Alvarelllos e Ecoembes por incrementar a reciclaxe e coidar o medio ambiente,” sinalou Mauricio Repetto, responsable en funcións da área de Transición Ecolóxica.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Medio ambiente,
    • Residuos,
    • Urbanismo
Martes, 19 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo e Ecoembes colaboran para mellorar a recollida selectiva de residuos de envases e papel-cartón

O Concello de Lugo e Ecoembes veñen de formalizar un acordo de colaboración para mellorar a recollida selectiva de residuos de envases e papel-cartón na cidade. Este proxecto permitirá incrementar a dotación de contedores de reciclaxe mediante a instalación de medio centenar de novas unidades en distintas zonas do municipio, facilitando así o acceso á recollida selectiva e fomentando a reciclaxe entre a cidadanía.

“Este acordo reflicte o compromiso do Executivo de Paula Alvarellos e Ecoembes por incrementar a reciclaxe e coidar o medio ambiente”, destacou Mauricio Repetto, responsable en funcións da área de Transición Ecolóxica, quen tamén subliñou a importancia de ampliar os recursos para a xestión de residuos na cidade.

No marco deste convenio, Ecoembes achegará 17.000 euros para a adquisición de novos contedores: 5.000 euros para colectores de reciclaxe de envases lixeiros de carga traseira, 6.000 euros para os de carga lateral e outros 6.000 euros destinados a contedores de papel-cartón de carga lateral. Esta inversión permitirá ao Goberno local avanzar na súa estratexia de xestión sostible dos residuos e consolidar o modelo de cidade comprometida co medio ambiente.

“Os avances na reciclaxe que estamos a lograr son o mellor reflexo do traballo constante que realizamos para optimizar a xestión dos residuos na cidade,” afirmou Repetto. “Estes resultados reflicten o esforzo continuo por mellorar a sustentabilidade e a calidade de vida en Lugo”.

Desde o ano 2019, Lugo rexistrou incrementos significativos nas taxas de reciclaxe, cun aumento do 20,1 % nas toneladas de envases lixeiros, un 45,73 % no papel e cartón, e un 4,17 % no vidro. Estas cifras sitúan a Lugo dentro dos parámetros que, segundo Sogama, deberían permitir o acceso ás bonificacións asociadas ao canon de tratamento de residuos. Con todo, estas non foron implementadas, unha decisión que desde o Concello se entende como allea ao esforzo e á realidade dos datos. “Cumprimos cos estándares e obxectivos que se nos marcan, demostrando que Lugo aposta por un modelo de xestión sostible e comprometido cos retos ambientais, aínda que hai quen non queira recoñecelo”, destacou Repetto.

Ademais, o Concello tomou a decisión de non adherirse á bonificación de Sogama porque un dos requisitos era trasladar a rebaixa aos recibos do vecindario, o que aumentaría o desequilibrio no custo do servizo e iría en contra das directrices europeas que buscan unha xestión eficiente e sostible dos residuos. “Non podemos aceptar unha medida que, en lugar de axudar ao Concello, agrave o desequilibrio financeiro do servizo e confunda á cidadanía sobre os verdadeiros custos,” subliñou Repetto.

Este ano, Lugo recibiu a Escoba de Platino, o máximo recoñecemento estatal e iberoamericano na xestión de residuos, un galardón que avala as boas prácticas do Concello neste ámbito. O premio, outorgado pola Asociación Técnica para a Xestión de Residuos (ATEGRUS), recoñece iniciativas como o cambio ao sistema de carga lateral nos contedores, a implantación do punto limpo móbil e a mellora xeral da infraestrutura de reciclaxe na cidade.

“Para o Concello de Lugo, este recoñecemento supuxo acadar a excelencia e confirmou que estamos no camiño correcto para consolidar un modelo de cidade sostible,” engadiu Repetto. “É un estímulo para continuar traballando pola calidade de vida dos lucenses e por un futuro máis verde. Este novo convenio con Ecoembes tamén reforza o noso compromiso cunha mellora continua dos servizos de reciclaxe e xestión de residuos,” subliñou.

Con este recoñecemento, os resultados obtidos e o recente acordo con Ecoembes, o Concello de Lugo reafirma o seu compromiso en seguir promovendo a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía. Ao tempo, o Executivo de Paula Alvarellos reclama medidas de apoio que realmente beneficien aos concellos e non supoñan unha carga engadida aos seus recursos, para así avanzar nunha xestión sostible que sexa eficiente e respectuosa co medio ambiente.

Audio

  • O edil Mauricio Repetto, sobre Ecoembes e a recollida selectiva de residuos | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-e-ecoembes-colaboran-para-mellorar-recollida-selectiva-de-residuos-de

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/111924_mauricio_repetto_ecoembes.mp3