O Concello de Lugo convoca 238 prazas para as escolas infantis municipais para o próximo curso e polas que xa pasaron preto de 2.000 nenos e nenas
O prazo de inscrición tanto para novas prazas como para renovacións comeza esta semana despois da publicación no BOP
- Tema
- Alcaldía,
- Educación

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñóz, anunciaron esta mañá as novas prazas vacantes para as escolas municipais infantis de cara o curso 2015-2016.
López Orozco sinalou que “estas escolas son unha aposta firme deste Goberno para dar un servizo aos veciños e veciñas de Lugo ademais de que xa pasaron por elas preto de 2.000 nenos e nenas de entre 0 e 3 anos”. Neste sentido, o Concello decidiu apostar por prestar o servizo das escolas infantis ao entender que son un servizo social básico para a conciliación da vida familiar e laboral ademais de que cumple unha función social que permite ás familias con menos ingresos poder acceder a unha praza de infantil cun coste reducido.
Pola súa parte, Esther Muñóz explicou que “para o novo curso hai un total de 238 prazas das que 142 son para novas adxudicacións e 84 para matrículas anteriores ademais de que sempre quedan 12 prazas para emerxencias sociais”. Ademais de que informou que “agardamos que saia publicado no BOP mañá martes 3 de marzo polo que o prazo de solicitudes abrirase o mércores 4 e remata en 20 días naturais.”
Así, na escola de Serra de Outes ofértanse 37 prazas de novo acceso, outras 21 están reservadas para nenas e nenos xa matriculados no presente curso 2014/2015, e 3 prazas para emerxencia social.
En canto á escola Gregorio Sanz ten 37 prazas de novo acceso, 21 prazas reservadas para alumnas e alumnos xa matriculados, e 3 prazas quedan reservadas para emerxencia social.
No caso da escola Luis Souto Menor (San Fiz) o número de prazas de novo acceso son 37, o de reservadas para alumnas e alumnos xa matriculados son 21 prazas, e 3 quedan reservadas para emerxencia social.
Na escola infantil da Piringalla, ofértanse 31 de novo acceso, 21 prazas reservadas para alumnas e alumnos xa matriculados, e 3 quedan reservadas para emerxencia social.
Para solicitar praza por primeira vez será necesario cumplimentar os impresos e acompañalos da documentación solicitada para entregar no Rexistro do Concello.
Poderán informarse deste proceso nas propias escolas infantís, no portal web do Concello www.lugo.es [1] ou chamando ao número de atención ao cidadán 010.