Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo colabora na celebración do 36 Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría

O Concello de Lugo colabora na celebración do 36 Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Conciliación,
    • Protección da comunidade,
    • Sanidade
Martes, 19 de maio de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo colabora na celebración do 36 Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría

O concelleiro de política social, maiores e migración, Gustavo Díaz, e a concelleira de muller e conciliación, Aurora Goás, recibiron ao presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX), José María Faílde, e ao vicepresidente da entidade, José Ramón Martínez.

A reunión serviu para trasladar o apoio e a colaboración do Concello de Lugo na organización do 36 Congreso da SGXX, que se celebrará na cidade os próximos 22 e 23 de maio.

Durante dúas xornadas, preto de 70 relatores participarán neste congreso internacional, no que se abordarán cuestións relacionadas co envellecemento saudable, os modelos de atención centrados na persoa, a ética dos coidados, a coordinación sociosanitaria ou a realidade das persoas maiores no rural.

O programa incluirá tamén relatorios sobre aspectos clínicos vinculados á saúde das persoas maiores, como as vacinas, a odontoloxía, a hipoacusia, as demencias, a fraxilidade ou os últimos estudos relacionados coa microbiota e o envellecemento saudable.

Así mesmo, a fisioterapia e a enfermaría xeriátrica contarán cun espazo específico dentro do congreso, no que tamén se analizará o papel das novas tecnoloxías e da intelixencia artificial na mellora da calidade de vida e da funcionalidade das persoas maiores.

O Concello de Lugo destaca a importancia de que a cidade acolla encontros científicos e profesionais deste nivel, que contribúen a situar Lugo como referente en ámbitos vinculados ao benestar, os coidados e o envellecemento activo.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-colabora-na-celebracion-do-36-congreso-da-sociedade-galega-de-xerontoloxia