Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo clausura o curso 24/25 de Animación Sociocultural cunha exposición de pintura aberta á cidadanía

O Concello de Lugo clausura o curso 24/25 de Animación Sociocultural cunha exposición de pintura aberta á cidadanía

A mostra poderá visitarse de balde ata o venres 30 de maio, en horario de 9:00 a 13:00 horas, no centro situado na rúa Poeta Aquilino Iglesias, 20.

Olga López: "Desde o Goberno local mantemos o noso firme compromiso coa veciñanza de Lugo para que poida gozar dunha vida activa, plena e saudable”.

  • Tema
    • Animación sociocultural,
    • Centros sociais,
    • Cultura e Turismo,
    • Museos e exposicións
Mércores, 28 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo clausura o curso 24/25 de Animación Sociocultural cunha exposición de pintura aberta á cidadanía

O Concello de Lugo pon o broche final á programación de Animación Sociocultural do curso 2024/25 cunha exposición artística que recolle os traballos realizados no Obradoiro de Pintura do Centro de Convivencia de Lamas de Prado. A mostra poderá visitarse de balde ata o venres 30 de maio, en horario de 9:00 a 13:00 horas, no centro situado na rúa Poeta Aquilino Iglesias, 20.

Esta actividade enmárcase no amplo programa deseñado pola Concellería de Benestar Social e Maiores, que durante este curso ofertou 1.670 prazas nunha trintena de actividades distribuídas por dez centros de convivencia municipais. A programación, posta en marcha polo executivo municipal, incrementou a súa cobertura territorial con respecto a edicións anteriores, estendéndose a novos espazos como os centros de Paco Martín, Díaz Castro e Leiras Pulpeiro.

A concelleira Olga López Racamonde destacou a boa acollida deste programa, que tivo como obxectivo central promover o envellecemento activo, a integración social e a participación interxeracional: "Desde o Goberno local mantemos o noso firme compromiso coa veciñanza de Lugo para que poida gozar dunha vida activa, plena e saudable. Actividades como esta exposición reflicten o espírito do noso modelo de convivencia e participación cidadá”, subliñou.

O curso 2024/25 incluiu obradoiros de memoria, formación en novas tecnoloxías, clases de baile e ximnasia, así como cursos de pintura, alimentación saudable e cociña multicultural. Especial atención recibiu a integración de colectivos vulnerables, reservándose prazas para persoas con capacidades diferentes e ofertándose actividades específicas para persoas inmigrantes e para a infancia.

A mostra de pintura representa non só a culminación do proceso creativo do alumnado do obradoiro, senón tamén un espazo de encontro e recoñecemento colectivo. "É unha oportunidade para visibilizar o talento das persoas participantes e para compartir cos veciños e veciñas o valor do esforzo, da aprendizaxe e da expresión artística”, apuntou a concelleira.

A exposición estará aberta ao público ata o venres 30 de maio. O Concello anima á cidadanía a achegarse para coñecer de preto os froitos desta actividade, que simboliza o espírito comunitario que define a programación sociocultural municipal.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-clausura-o-curso-2425-de-animacion-sociocultural-cunha-exposicion-de