O Concello de Lugo avanza na coordinación e na aplicación de medidas ante a crecente presenza de xabaríns
Combina actuacións de prevención e limpeza, coordinación coa Asociación Galega de Caza e ATEGAL e a instalación de gaiolas trampa autorizadas pola Xunta
- Tema
- Protección do medio rural,
- Protección da comunidade,
- Seguridade
Venres, 18 de setembro de 2026
Fonte:
Gabinete de Prensa

O control das poboacións dos xabaríns na contorna do concello de Lugo require planificación, coordinación e medidas concretas. Durante anos o anteriores gobernos que nos precederon non fixeron este traballo e chegamos á situación actual.
Desde que chegamos ao Goberno tomamos a iniciativa e actuamos en tres frontes.
Primeiro, a prevención, coa limpeza e desbroce de fincas que presentaban unha situación de abandono e coa publicación dun bando para lembrar a obrigación de manter estes espazos en condicións axeitadas. É unha medida que non responde só ao problema dos xabaríns, senón tamén á prevención de incendios, á salubridade e ao coidado do contorno.
Segundo, a coordinación. Estamos traballando man a man co Hospital veterinario Rof codina, coa Asociación Galega de Caza e coa Asociación de Tecores de Galicia, ATEGAL, que mostraron desde o primeiro momento unha disposición absoluta a colaborar. Tamén estamos en coordinación coas distintas administracións. Neste sentido, a Deputación trasladounos que comezará a desbrozar a próxima semana.
E terceiro, o control da presenza dos animais, sempre seguindo os protocolos establecidos pola Xunta de Galicia. De feito a Xunta acaba de autorizar a solicitude para instalar gailoas trampa para o control das poboacións de xabaril na contorna do municipio. Empregaranse unidades de grandes dimensións nas que entra unha camada enteira.
Tamén está xa en marcha dende hai unhas semanas a captura a través de arqueiros, xa tendo varias capturas.
Dende o goberno local advirten que non estamos ante unha cuestión que se resolva cunha medida illada. Hai que facer prevención, facer seguimento e aplicar medidas de control. Iso é o que estamos facendo desde que chegamos ao Goberno: pasar de non ter unha planificación a poñer en marcha unha actuación coordinada e con medidas concretas.
