Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo atende as demandas veciñais para mellorar a seguridade viaria no barrio de Galegos

O Concello de Lugo atende as demandas veciñais para mellorar a seguridade viaria no barrio de Galegos

Rubén Arroxo e Alexandre Penas mantiveron unha reunión coa Asociación Veciñal do barrio de Galegos para analizar as necesidades e propostas de mellora.

Arroxo: “Estamos comprometidos co desenvolvemento e mellora de todos os barrios de Lugo, e Galegos non será unha excepción”.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Urbanismo
Domingo, 17 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo atende as demandas veciñais para mellorar a seguridade viaria no barrio de Galegos

O Tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, mantiveron unha reunión coa Asociación Veciñal do barrio de Galegos para analizar as necesidades e propostas de mellora nas infraestruturas e a seguridade do barrio.

Durante a xuntanza, destacaron os avances realizados dende a concellería de Infraestruturas, entre os que se inclúen a repavimentación de varias rúas que se atopaban en mal estado, así como a renovación do alumeado público a LED, que mellorou a eficiencia enerxética e a iluminación das vías. Os veciños e veciñas de Galegos tamén trasladaron varias solicitudes, especialmente en relación á mellora da seguridade viaria.

"Un dos temas centrais foi a preocupación pola seguridade no barrio, dado que é unha zona con moito tráfico, especialmente polo acceso directo ao HULA", explicou Arroxo. A veciñanza solicitou melloras no calmado do tráfico, así como a creación de sendas peonís para garantir a seguridade dos peóns. Tamén se realizaron peticións de mellora nas cunetas, que presentan un perigo debido á súa profundidade, e o aumento do ancho dalgunhas calzadas para mellorar a circulación.

Rubén Arroxo comprometeuse a recoller todas as propostas e destacou que o Concello de Lugo seguirá traballando para mellorar as infraestruturas no barrio de Galegos. “As solicitudes feitas pola veciñanza son totalmente xustas, e imos levar a cabo todas aquelas que sexan viables. Estamos comprometidos co desenvolvemento e mellora de todos os barrios de Lugo, e Galegos non será unha excepción”, asegurou o Tenente de Alcaldesa.

A reunión finalizou co compromiso por parte do Concello de seguir mellorando o barrio de Galegos, tendo en conta as solicitudes veciñais e traballando de maneira colaborativa para facer fronte aos retos que presenta a zona.

Audio

  • O Tenente de Alcaldesa, Rubén Arroxo, sobre o barrio de Galegos | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-atende-demandas-vecinais-para-mellorar-seguridade-viaria-no-barrio-de

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/20241117_ruben_arroxo_reunion_galegos.mp3