O Concello de Lugo apoia o deporte como ferramenta de inclusión e convivencia nun encontro do CB Ensino con Auxilia Lugo
A través da Concellería de Deportes, o Concello acompaña iniciativas que favorecen a participación social e promoven valores como a igualdade, o respecto e a inclusión.
- Tema
- Asociacións sociais,
- Deportes

O Concello de Lugo acompañou a xornada de convivencia organizada por Auxilia Lugo coa participación das xogadoras do Club Baloncesto Ensino, unha iniciativa que pon en valor o deporte como ferramenta de inclusión e como espazo para compartir experiencias e favorecer as relacións sociais.
A actividade, celebrada nas instalacións da Casa Clara Campoamor, reuniu as deportistas e as persoas usuarias de Auxilia Lugo nun ambiente de proximidade e compañeirismo. O concelleiro de Deportes, Infancia e Xuventude, Damián Carballo, participou no encontro en representación municipal.
Durante a visita, Carballo destacou a importancia de promover iniciativas que acheguen o deporte a diferentes colectivos sociais e contribúan a construír unha cidade máis inclusiva.
"O deporte é moito máis que competir e gañar partidos. Tamén é compartir, integrar e facer felices ás persoas. As xogadoras do Ensino demostraron que os grandes equipos non só se constrúen dentro da cancha, senón tamén fóra dela", sinalou.
O Concello agradeceu a implicación das xogadoras e do CB Ensino, así como o labor que desenvolve Auxilia Lugo no acompañamento ás persoas usuarias, e felicitou a entidade pola organización desta xornada.
Con este acompañamento, o Concello pon en valor a colaboración entre o ámbito deportivo e as entidades sociais para impulsar actividades que favorezan a convivencia e a participación, e que permitan que o deporte sexa un espazo aberto a todas as persoas.
