Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo adxudica a recuperación da Cloaca do Carme coa que se conciliará o coidado do patrimonio e a súa exhibición

O Concello de Lugo adxudica a recuperación da Cloaca do Carme coa que se conciliará o coidado do patrimonio e a súa exhibición

O Executivo de Lara Méndez outorgou, esta mañá, a licitación á empresa Reconsa por un importe de 398.724 euros.

A intervención, que terá un prazo de execución de oito meses, permitirá aos visitantes sumerxirse nunha viaxe ao mundo soterrado da cidade romana.

O obxectivo, segundo a alcaldesa, “é protexer o patrimonio, aínda que trate dunha competencia da Xunta, conservar a nosa historia e atraer un turismo de calidade e sostible”.

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Infraestruturas
Mércores, 08 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo adxudica a recuperación da Cloaca do Carme coa que se conciliará o coidado do patrimonio e a súa exhibición

A Xunta de Goberno Local adxudicou esta mañá a contratación das obras para a recuperación e posta en valor da cloaca romana situada no semisoto da Sala de Exposicións Porta Miñá, no barrio do Carme.

Unha intervención que abranguerá a parte da obra civil e arquitectónica das instalacións pero tamén a adecuación do espazo para que poida ser visitable e accesible.

A alcaldesa, Lara Méndez, lembrou hoxe que, primeiramente, se recuperará a cloaca a un bo estado de conservación para ser exposta e, posteriormente, se acompañará á mesma cun equipamento de museografía para trasladar ao público a súa función e contexto na época romana, “co obxectivo de que a veciñanza poida realizar unha viaxe ao mundo soterrado da cidade romana, co valor engadido de que sexa ademais na súa localización orixinal”.

“Unha actuación que, pese a que as competencias nesta materia lle corresponden á Xunta de Galicia, se enmarca na nosa aposta por seguir protexendo e difundindo o pasado romano da cidade, tanto para defender o patrimonio, como para convertelo noutro dos piares do modelo de turismo de calidade e sostible que estamos a deseñar – sinalou – polo que agardamos que a actuación sexa un acicate para que tamén o Executivo autonómico se sume ao obxectivo que temos de converter a Lugo no epicentro cultural do pasado romano de Galicia e do noroeste peninsular e cumpra co compromiso dado de construír o Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando”, afirmou a rexedora.

O traballos previstos consistirán en acondicionar o soto con impermeabilizacións, revestimentos, solados e todas as instalacións precisas para o futuro uso, ao tempo que se reestruturará o espazo actualmente destinado a servizos e almacén que hai por detrás da Sala de Exposicións, dotándoo dunhas escaleiras, un elevador e uns novos aseos.

“Todo isto - explicou Lara Méndez- sen desatender a parte da escavación, o estudo dos achados arqueolóxicos, a restauración e a consolidación da cloaca romana no que ten que ver coa parte museográfica do recinto”, na que se inclúen, entre outros labores, a limpeza e reescavación da zona da cloaca para o seu saneamento; a escavación arqueolóxica do seu interior, con accións puntuais para a instalación da drenaxe; a escavación do perímetro, co obxectivo de facilitar o seu desaugadoiro e illamento; a diagnose do estado dos restos arqueolóxicos, a súa consolidación e restauración; e un proxecto museográfico de posta en valor das estruturas.

A empresa Resconsa será a encargada de realizar as tarefas, para o que disporá dun prazo de 8 meses e unha semana e ás que o Concello de Lugo destinará un orzamento de 398.724 euros, ao abeiro da estratexia DUSI Muramiñae, cofinanciada pola Unión Europea a través do FEDER.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a Cloaca do Carme | Descargar mp3 [1]
 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-adxudica-recuperacion-da-cloaca-do-carme-coa-que-se-conciliara-o-coidado-do

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/080622_lara_mendez_-_adxudicacion_cloaca.mp3