Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo adxudica cinco dos proxectos incluídos no FEIL

O Concello de Lugo adxudica cinco dos proxectos incluídos no FEIL

Luns, 16 de marzo de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Mesa de Contratación do Concello de Lugo celebrada o pasado venres 13 de marzo, aprobou a adxudicación de cinco proxectos que forman parte dos 79 incluídos no Fondo Estatal de Investimento Local.

Para o arranxo do camiño dende a N-VI ao límite con Outeiro por Bagueixos e Brea (Parroquia de Tirimol) presentáronse 6 empresas e propúsose como adxudicataria a Asogal cun prezo de 143.740 euros.

Foron tres as empresas que presentaron as súas ofertas para executar a renovación de saneamento en Carvalho Calero (Augas Férreas). A adxudicataria foi Canalugo por un importe de 159.723 euros, e 6.300 euros en melloras.

Tamén se presentaron tres plicas para a pavimentación de beirarrúas na rúa Río Sil (Paradai). Esta obra adxudicouse a Solucións Sanle Lugo por un importe de 139.451 euros e melloras valoradas en 5.578 euros.

Para executar as obras de abastecemento e saneamento en Galegos presentáronse tres empresas. A oferta máis valorada pola Mesa de Contratación foi a presentada por Aberman Constructora SL cun prezo de 202.924 euros e melloras valoradas en 8.200 euros.

En canto ao proxecto de melloras da instalación eléctrica dos centros escolares (infantil e primaria) públicos, o Concello de Lugo recibiu as ofertas de tres empresas. Adxudicouse a Rego Montajes Eléctricos y Telecomunicaciones SL. por 100.000 euros e melloras valoradas en 5.500 euros.

Cumprindo cos compromisos acadados polo Equipo de Goberno para o fomento do emprego, nestas adxudicacións primou a creación de postos de traballo. Estas obras contarán cun total de 33 traballadores dos que sete serán novos contratos.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-adxudica-cinco-dos-proxectos-incluidos-no-feil