Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo activa un novo Plan de Tráfico na Praza de Ferrol para abordar o arranxo do pavimento deteriorado

O Concello de Lugo activa un novo Plan de Tráfico na Praza de Ferrol para abordar o arranxo do pavimento deteriorado

A empresa adxudicataria do proxecto levará a cabo os traballos dentro do período de garantía nunha zona onde se detectaron deficiencias na fixación das lousas.
 
Os labores consistirán no arranxo e reposición do pavimento na banda de rodadura da Praza de Ferrol situada fronte ao Centro de Saúde e na traseira da Igrexa.
 
As tarefas, que comezarán o martes día 12, obrigarán a restrinxir o tráfico neste espazo e a derivar a circulación de San Marcos por Amor Meilán con saída pola Porta de San Fernando.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Tráfico
Domingo, 10 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo activa un novo Plan de Tráfico na Praza de Ferrol para abordar o arranxo do pavimento deteriorado

O Concello de Lugo activará este próximo martes un novo Plan de Tráfico na Praza de Ferrol para permitir o arranxo dos danos detectados no pavimento na banda de rodadura fronte ao Centro de Saúde e por detrás da Igrexa.

A empresa adxudicataria do proxecto será a encargada de corrixir as deficiencias derivadas da execución da obra dentro do período de garantía das mesmas o que obedece ao seguimento e control exhaustivo que o Concello está a realizar sobre as actuacións enmarcadas na Estratexia Corazón Verde.

Os labores, que comezarán o próximo martes día 12, implicarán unha serie de restricións para a circulación que quedarán recollidas nun novo Plan de Tráfico, de xeito que os vehículos que accedan dende San Marcos serán desviados a partir desa xornada por Amor Meilán, continuando por detrás do Cuartel a través de Quiroga Ballesteros e a rúa San Froilán, ata a saída pola Porta de San Fernando.

A intervención responde ao compromiso do Goberno de Paula Alvarellos de garantir a calidade das obras executadas, buscando unha mellora duradeira do espazo público para a veciñanza e visitantes, tendo en conta, ademais, que se trata dunha contorna emblemática, de alto valor patrimonial e turística e cunha intensa actividade económica.
 
A Policía Local reforzará a súa presenza nos puntos clave da nova organización viaria para facilitar o tránsito e garantir o cumprimento das novas medidas que entrarán en vigor esta semana, en coordinación co plan de traballo establecido. Igualmente, lémbrase que só está permitido o acceso ao Centro Histórico a vehículos atorizados (residentes, usuarios aparcamentos, servizos, emerxencias, vehículos con autorización especial) co fin de avanzar cara a futura ordenación da Zona de Baixas Emisións que se implantará neste ámbito e aumentar as condicións de seguridade e confort peonil.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-activa-un-novo-plan-de-trafico-na-praza-de-ferrol-para-abordar-o-arranxo-do