O Concello de Lugo abre o prazo para participar no Mercado de Nadal
As bases xa están dispoñibles na web municipal, e o prazo de inscrición estará aberto ata o 27 de novembro.
A Praza Maior converterase novamente nun espazo de dinamización económica e social con turnos que permitirán a participación de máis negocios locais.
Mauricio Repetto subliña que “este mercado é unha oportunidade única para impulsar o comercio de proximidade e encher Lugo co espírito do Nadal”.
- Tema
- Animación sociocultural,
- Cultura e Turismo,
- Programación cultural,
- Xestión cultural

O Concello de Lugo abre oficialmente o prazo para participar no Mercado de Nadal, "Nadalmente Lucense", que terá lugar na Praza Maior do 5 de decembro ao 5 de xaneiro. Este evento, consolidado como un dos puntos de referencia das festas na cidade, busca dinamizar o comercio de proximidade e converter o centro nun espazo cheo de vida e ilusión.
O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, destacou o impacto positivo deste mercado para o comercio local: “Queremos que este Nadal, os negocios de Lugo teñan unha plataforma única para exhibir a calidade e variedade dos seus produtos. Ademais, contribuímos a facer da nosa cidade un referente en experiencias navideñas”. Ademais, o edil puxo en valor “o traballo constante que levamos a cabo dende o Goberno local para impulsar iniciativas de apoio ao comercio de proximidade, tanto en datas sinaladas como en outros momentos de menor intensidade nos que é importante desestacionalizar a demanda”. “Para este executivo é fundamental respaldar este sector estratéxico, xerador de emprego e motor da cidade”, concluiú.
Os interesados en participar deberán presentar a súa solicitude antes do 27 de novembro a través da sede electrónica do Concello ou presencialmente no rexistro municipal. Alternativamente, tamén poderán rexistrarse noutras administracións, sempre que envíen unha copia ao correo electrónico cei@lugo.gal [1]. Xunto co formulario oficial (Anexo I), será necesario achegar: certificados de estar ao corrente coa AEAT, Xunta de Galicia e Seguridade Social; copia do DNI ou CIF; documento acreditativo de alta na TGSS; memoria detallada cos produtos que se van expor, incluíndo fotografías recentes; e a póliza e recibo actualizado do seguro de responsabilidade civil.
As solicitudes admitiranse para diferentes quendas semanais: quenda 1, d+o 5 ao 15 de decembro; quenda 2, do 16 ao 22 de decembro; quenda 3, do 23 ao 29 de decembro; e quenda 4, do 30 de decembro ao 5 de xaneiro.
“Un dos obxectivos principais é garantir a participación equitativa e a diversidade de produtos en cada quenda, para que tanto os comerciantes coma o público poidan desfrutar dunha experiencia única en cada visita ao mercado”, afirmou Repetto.
Un nadal máxico na Praza Maior
O Mercado de Nadal contará con casetas decoradas, iluminación especial e un horario amplo: de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:00 horas, excepto os días 24 e 31 de decembro, con horario reducido ata as 14:30 horas, e os días 25 e 1 de xaneiro, cando permanecerá pechado. Repetto concluíu animando á participación: “Cada negocio que se sume contribúe a facer máis especial esta época. O Nadal é unha ocasión para celebrarmos o talento local e fortalecermos o comercio de proximidade, dando á Praza Maior o protagonismo que merece como punto de encontro”.
As bases completas están dispoñibles na web do Concello de Lugo, na seguinte ligazón, [2] onde tamén se publicarán as resolucións de adxudicación antes do 3 de decembro. Para calquera dúbida, os interesados poden contactar a través do correo cei@lugo.gal [1].
Audio
- O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, sobre o Mercado de Nadal "Nadalmente Lucense" | Descargar mp3 [3]
