O Concello de Lugo abre á colaboración da cidadanía a nova aplicación interactiva que porá en valor o patrimonio
A alcaldesa Lara Méndez explicou, durante a entrega dos diplomas do obradoiro ‘InteracTICvate’, que aplicación poderá consultarse na web desde o 2 de agosto
Desenvolvemento Local ten concedido xa un novo obradoiro para dixitalización, destinado a axudar á empregabilidade de menores de 25 anos
- Tema
- Cultura e Turismo,
- Fomento do emprego,
- Novas tecnoloxías

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo entrega este martes dos diplomas e certificados ós alumnos-traballadores do obradoiro de emprego ‘InteracTICvate’ que se impartiu no CEI Nodus co fin de impulsar a cualificación profesional e a inserción laboral dos seus participantes.
O resultado deste obradoiro de emprego foi a elaboración da aplicación, ‘Lugo na memoria’, coa que o rexedora quere “pór en valor de xeito atractivo a enorme riqueza patrimonial e cultural co concello”, recolle tres itinerarios: o que segue o trazado do Camiño Primitivo (desde a Porta de San Pedro a Porta de Santiago); outro que parte de Obispo Aguirre e sae por San Fernando, e o terceiro que recolle a ampliación urbanística do século XIX (Progreso, Estación).
Cun formato baseado en fotografía panorámica e en 3D e que mestura fotografía real e histórica, a aplicación inclúe un mapa que permite ao usuario unha maior interacción para que poida desplazarse ao punto que desexe, realizando paradas en puntos de información onde se explican 360 espazos e edificios emblemáticos elixidos na cidade. Ademais, inclúese planimetría que pode ser de intereses tamén para os urbanistas.
Estará dispoñible na web do Concello de Lugo a partir deste venres 2 de agosto e na mesma plataforma o Concello de Lugo habilitará un enlace para que todo aquel que queira aportar material gráfico ou información para o enriquecemento desta aplicación e dar a coñecer o patrimonio de Lugo dende diferentes enfoques.
Lara Méndez, estivo acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, e aproveitou para agradecer á Xunta de Galicia as axudas para que este obradoiro se puidera realizar ‘As políticas de emprego non son competencia do Concello de Lugo pero si é un tema que nos preocupa’ insistiu.
Finalizou anunciando que ‘Desenvolvemento Local ten concedido xa un novo obradoiro para dixitalización, destinado a axudar á empregabilidade de menores de 25 anos’ e que está a espera de que se confirme outro para maiores de 25 nos próximos días.