Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello conmemora o 80 aniversario do Exilio Republicano cun concerto de Samuel Diz e Marta Knörr

O Concello conmemora o 80 aniversario do Exilio Republicano cun concerto de Samuel Diz e Marta Knörr

Será o sábado 22 de xuño, a partir das 20:30 horas Vello Cárcere. A entrada é libre, ata completar a cabida

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Música,
    • Programación cultural
Xoves, 13 de xuño de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo conmemora o 80 aniversario do Exilio Republicano co concerto Balada do cárcere, a cargo do guitarrista Samuel Diz e da mezzosoprano Marta Knörr. Será o sábado, 22 de xuño, a partir das 20:30 horas Vello Cárcere. 

A Guerra Civil e o Exilio Republicano son os eixos vertebradores do concerto, que inclúe un programa que recupera a colección de cancións Metamorfosis del clavel, con poemas de Rafael Alberti, escritas por Gustavo Pittaluga entre 1940 e 1942, anos antes de alcanzar a súa popularidade coas bandas sonoras de Los olvidados ou Viridiana, de Luis Buñuel. México tamén acolleu ao fin da Guerra Civil á pianista e compositora, discípula de Manuel de Falla, Rosita García Ascot e ao seu marido, o lucense Jesús Bal y Gay.

A intrahistoria do espazo convida a escoitar de forma emotiva as pezas orixinais do guitarrista Daniel Fortea, quen ofreceu, a finais de 1936, o concerto de presentación do emblemático Batallón Alpino (que defendeu o avance das tropas franquistas na serra de Madrid), xunto a unha conferencia de María Teresa León e un recital de Alberti. Finalizada a contenda Fortea foi preso no cárcere de Ocaña, onde en abril de 1948 asinou a súa partitura Balada de la cárcel.

A e o protagonista

A mezzosoprano Marta Knörr é unha intérprete versátil que se desenvolve nos máis variados xéneros e estilos ofrecendo concertos en diversos países de Europa, México e Marrocos. Participou como solista en óperas de César Camarero, Jesús Rueda, Luis de Pablo ou Ernst Krenek, sendo considerada pola crítica especializada como “a referencia española” para o “Pierrot lunaire” de Schoenberg. Entre a súa discografía destacan os traballos Canciones del Grupo de Madrid ou Compositoras españolas del siglo XX co pianista Aurelio Viribay, Retablo sobre textos de Paul Klee de Benet Casablancas ou a recente gravación monográfica do compositor Alejandro Román para Naxos xunto ao Trío Arbós.

O guitarrista clásico Samuel Diz é un intérprete e investigador especializado na música da Xeración do 27. Nos seus traballos discográficos Guitarra clásica galega e Impresiones y paisajes, como el primer libro de Lorca recolleu a obra inédita para guitarra de Jesús Bal y Gay, Juan José Mantecón, Salvador Bacarisse ou Regino Sainz de la Maza. Entre os seus concertos destacan os ofrecidos na Casa Natal de Federico García Lorca, nas universidades de Yale e Boston, no Harare International Festival of the Arts (Zimbabwe) ou no Palau de la Música Catalana onde recibíu o premio da crítica El Primer Palau.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-conmemora-o-80-aniversario-do-exilio-republicano-cun-concerto-de-samuel-diz-e-marta