Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello colaborará coa XLIV Asemblea Nacional de Mulleres Viúvas que se celebrará en Lugo

O Concello colaborará coa XLIV Asemblea Nacional de Mulleres Viúvas que se celebrará en Lugo

A Alcaldesa mantivo unha reunión con representantes da Federación Galega deste colectivo, que aglutina unhas 14 asociacións de diferentes lugares da comunidade galega

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Asociacións sociais
Luns, 23 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Reunión da Alcaldesa coa Federación Galega de Viúvas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dentro da súa rolda de encontros con colectivos sociais da cidade, mantivo este luns unha reunión coa presidenta da Federación Galega de Viúvas, Aurora Carro, e con representantes deste colectivo, constituído hai uns 40 anos para defender os dereitos e reivindicacións das mulleres viúvas en Galicia. A federación aglutina unhas 14 asociacións de diferentes lugares da comunidade galega.

No encontro, Méndez puxo en valor este movemento asociativo e fixo fincapé no seu traballo “comprometido e xeneroso”, ao tempo que avanzou o apoio do Concello á celebración en xuño en Lugo da XLIV Asemblea Nacional de Mulleres Viúvas, que volverá a acoller a cidade tras uns 15 anos. O obxectivo deste encontro, que cada ano se celebra nun punto diferente do territorio español, é o intercambio de experiencias e sensibilizar á sociedade da situación das viúvas e das súas familias. Galicia é a quinta comunidade autónoma con máis persoas viúvas en España, unhas 186.000 mulleres, 30.000 delas na provincia luguesa.

Neste senso, a rexedora mostrou a súa satisfacción por que Lugo sexa a sede deste encontro, que en anteriores edicións reuniu a un milleiro de mulleres de todo o país, “oportunidade que non podemos deixar escapar para promover o noso patrimonio histórico artístico, cultural e gastronómico”, asegurou Méndez.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-colaborara-coa-xliv-asemblea-nacional-de-mulleres-viuvas-que-se-celebrara-en-lugo