Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello censura que a Xunta siga deixando medrar a herba na Muralla

O Concello censura que a Xunta siga deixando medrar a herba na Muralla

  • Tema
    • Urbanismo
Luns, 02 de maio de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, reiteroulle unha vez máis á Xunta de Galicia a demanda do Concello e dos lucenses de que manteña en bo estado a Muralla romana.

“Xa estamos a 2 de maio e todo continúa igual, a herba segue medrando na Muralla a pesares de que o Presidente do Goberno de Galicia ven por Lugo moi a miúdo”, dixo o Concelleiro de Medio Ambiente.

“Supoño que Feijóo, nas súas continuas visitas non foi á Muralla, senón quedaría escandalizado ó ver como está este monumento que é Patrimonio da Humanidade”, manifestou González Dopeso.

O Concelleiro instou ó Presidente do Goberno de Galicia a que comprobe o estado no que mantén o monumento a Xunta, que é a administración titular da Muralla, e dixo “xa que vén tanto por aquí, eu pediríalle que suba á Muralla para ver como está e que adopte medidas urxentes para arranxar ese problema”.

“Non sei se vén a Lugo apoiar ó candidato do PP ou porque se presenta el ás eleccións, pero desde logo pode aproveitar esta campaña porque ten un campo excelente para desbrozar”, manifestou González Dopeso quen lembrou que o estado de abandono da Muralla repítese tamén noutras mostras do patrimonio lucense como a Fonte da Pinguela, que o Concello ofreceu arranxar con fondos do Plan Urban, e as escavacións arqueolóxicas do terreo situado detrás do Colexio de Arquitectos.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-censura-que-xunta-siga-deixando-medrar-herba-na-muralla