Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello celebra o primeiro Magosto Popular pola Tolerancia para crear un encontro de culturas na cidade

O Concello celebra o primeiro Magosto Popular pola Tolerancia para crear un encontro de culturas na cidade

  • Tema
    • Igualdade
Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Servizos Sociais presentou novas actividades de carácter lúdico que organiza a súa concellería para os vindeiros días.

A primeira delas é o I Magosto Popular pola Tolerancia, que continúa co costume de anos anteriores de celebrar o tradicional magosto, pero que este ano introduce como novidade que servirá de encontro intercultural para todos os cidadáns de Lugo. A edil explicou que a partir deste ano esta celebración dedicarase a unha nacionalidade distinta para homenaxear a todos os inmigrantes que viven na cidade.

Nesta primeira edición, o encontro intercultural estará dedicado á poboación de orixe magrebí. Carmen Basadre destacou que “Lugo é unha cidade integradora e hai que seguir traballando neste eido.” Tamén engadiu que “é un momento importante para realizar este tipo de actos para aproveitar a diversidade cultural da que gozamos na cidade e ten que servir para que os cidadáns compartan estas actividades lúdicas”.

Este encontro terá lugar o venres día 16 de novembro, a partir das 17:30 horas, na Praza de Santa María. Ademais de ofrecer un espazo de convivencia e de xuntanza entre culturas, todos os que se acheguen terán a oportunidade de degustar dous pratos gastronómicos tradicionais como son as castañas asadas do Courel, das que se servirán 1.000 quilos, e o cuscús magrebí.

A música tamén estará presente nesta festa outonal da man dos grupos Stranniki, María Castaña e Harmonía.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-celebra-o-primeiro-magosto-popular-pola-tolerancia-para-crear-un-encontro-de