Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello aumenta nun 6% as horas do servizo de axuda no fogar

O Concello aumenta nun 6% as horas do servizo de axuda no fogar

A Xunta de Goberno aprobou este incremento, que implica preto de 126.000€ máis de orzamento ao ano nunha prestación que deste xeito suma 163.160 horas e un investimento de 2,3M€ anuais

  • Tema
    • Benestar social,
    • Cultura e Turismo,
    • Urbanismo
Mércores, 08 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou este mércores de que a Xunta de Goberno aprobou na sesión de hoxe aumentar nun 6% as horas do servizo de axuda no fogar, esto é, 8.854 horas, o que implica preto de 126.000 euros máis de orzamento ao ano nunha prestación que en total suma deste xeito 163.160 horas e un investimento de 2,3 millóns de euros anuais. Este incremento permitirá ampliar a cobertura do servizo de axuda no fogar do Concello a máis persoas con dificultades para realizar as actividades básicas da vida diaria.

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou adxudicar á mercantil Alenti Soluciones para Eventos SLU a prestación das actividades de animación socioculturais para desenvolver pola área municipal de Xuventude por importe de 22.000 euros e prorrogar por un ano o contrato a esta mesma empresa para a prestación do servizo de producción, apertura e vixilancia para a celebración de espectáculos e actividades no auditorio Gustavo Freire, os servizos de producción no MIHL e de actividades na rúa e outros lugares organizadas pola Concellería de Cultura.

Así mesmo, prorrogouse por un ano o contrato coa mercantil Locus Avis para a realización dun plan integral de control de estorniño na cidade.

Na sesión de hoxe, tamén se aprobou encargar á empresa pública EVISLUSA a redacción do proxecto para executar de maneira subsidiaria as obras de rehabilitación do edificio número 4 da rúa Tinería.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-aumenta-nun-6-horas-do-servizo-de-axuda-no-fogar