Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello aproba o estudo de detalle para a ordenación de volumes nas obras de ampliación do Colexio das Mercedes

O Concello aproba o estudo de detalle para a ordenación de volumes nas obras de ampliación do Colexio das Mercedes

A Xunta de Goberno adoptou este acordo, despois de que a entidade local axilizara o máximo posible os trámites, ante un asunto de tanta importancia para a cidade

  • Tema
    • Centros de ensino,
    • Urbanismo
Mércores, 03 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello aproba o estudo de detalle para a ordenación de volumes nas obras de ampliación do Colexio das Mercedes

A Xunta de Goberno aprobou inicialmente este mércores o estudo de detalle formulado pola Consellería de Educación para a ordenación de volumes no CEIP das Mercedes, situado entre as rúas Montirón e Novo Freire, dentro das obras de ampliación que se van a realizar neste centro educativo.

O Concello estaba pendente de recibir por parte da Consellería este estudo de detalle, cos obxectivos de completar ou reaxustar as aliñacións e as rasantes, ordenar os volumes edificables e concretar as condicións estéticas e de composición das edificacións complementarias do planeamento.

O Voceiro municipal, Miguel Fernández, explicou que “a documentación chegou ao Concello o 15 de xullo por mensaxeira, momento dende que a entidade local axilizou o máximo posible os trámites”, polo que “este é un exemplo ben claro da celeridade coa que actúa o Goberno municipal, ante un asunto de tanta importancia para a cidade, mentres outras institucións non funcionan coa mesma axilidade e incluso poñen atrancos”.

Agora, seguindo os prazos legais establecidos, este estudo sométese a exposición pública polo prazo dun mes, co obxecto de que poida ser consultado, polo que será publicado no DOG, para que posteriormente poida ser aprobado definitivamente.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a Xunta de Goberno | Descargar MP3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-aproba-o-estudo-de-detalle-para-ordenacion-de-volumes-nas-obras-de-ampliacion-do

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/030816_miguel_fernandez_-_xunta_de_goberno.mp3