Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello amplía o prazo de presentación de traballos para o concurso de fotografía e vídeo de Lugo Social

O Concello amplía o prazo de presentación de traballos para o concurso de fotografía e vídeo de Lugo Social

  • Tema
    • Economía
Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo amplía o prazo de presentación de traballos para o Concurso de Fotografía e Vídeo con Teléfono Móbil ata o día 30 de novembro co fin de facilitar a participación de estudantes de bacharelato e universitarios ante a demanda dos propios centros educativos.

Este certame, organizado pola Concellería de Emprego dentro do programa Lugo Social, está orientado a promover o uso responsable e creativo dos teléfonos móbiles entre a xuventude e amosar a utilidade deste instrumento de comuniccaión para difundir valores de defensa da igualdade, da interculturalidade e contra o racismo e a xenofobia.

O concurso está dirixido a mozos de entre 16 e 25 anos e a temática versará sobre a igualdade entre homes e mulleres, a interculturalidade e a loita contra o racismo e a xenofobia, tal e como recolle o seu lema “Construíndo igualdade: entre mulleres e homes e as distintas culturas”. Os participantes deben retratar comportamentos sociais que fomenten estes valores de convivencia ou ben denuncien situacións que atenten contra eles.

As bases contemplan a participación nas dúas categorías propostas (fotografía e vídeo). Os traballos teñen que realizarse co teléfono móbil e non deben exceder os 30 de segundos de duración. As obras poden presentarse na oficina da Axencia de Desenvolvemento Local, situadas na Casa Consistorial, ou ben a través da páxina web municipal, www.lugo.es [1], onde se pode atopar información complementaria.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-amplia-o-prazo-de-presentacion-de-traballos-para-o-concurso-de-fotografia-e-video

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.es