Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello actúa de inmediato ante a posible aparición de restos arqueolóxicos en Santo Domingo

O Concello actúa de inmediato ante a posible aparición de restos arqueolóxicos en Santo Domingo

  • Tema
    • Infraestruturas
Venres, 14 de xaneiro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo reaccionou de inmediato ante unha denuncia recibida pola Patrulla Verde sobre a posible aparición de restos arqueolóxicos nunha obra que se leva a cabo na praza de Santo Domingo.

Ás 10.15 a xefa do Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo acudiu ó lugar da obra e traballou na gabia para limpar a zona e comprobar a existencia de restos romanos.

Aproximadamente dúas horas despois recibiuse no Concello un escrito da Consellería de Cultura ordenando a paralización dos traballos.

Á zona tamén acudiron a Delegada de Urbanismo, María Novo, e o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, que mantiveron durante todo o día conversas coa empresa adxudicataria da obra.

Ademais, esta mesma tarde, ás 18.30, mantiveron unha reunión na zona responsables municipais, da empresa que realiza a obra e arqueólogos do Concello e da construtora.

A empresa que executa a obra dispón xa dun arqueólogo e presentaralle de inmediato un proxecto arqueolóxico ó Concello.

As obras do proxecto de renovación do alumeado público na praza de Santo Domingo lévanse a cabo en dúas zonas diferenciadas: unha delas sobre o aparcadoiro soterrado no que se descarta a existencia, na actualidade, de ningún tipo de restos, e a outra na beirarrúa sobre a que o Concello intervirá con todo o rigor para preservar a eventual existencia de restos arqueolóxicos.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-actua-de-inmediato-ante-posible-aparicion-de-restos-arqueoloxicos-en-santo-domingo