Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello abre portas no mercado laboral aos mozos con talleres de monitor de comedor escolar, microespazos audiovisuais e informática

O Concello abre portas no mercado laboral aos mozos con talleres de monitor de comedor escolar, microespazos audiovisuais e informática

Lara Méndez e Carmen Basadre entregaron os diplomas aos 45 participantes de tres cursos organizados pola entidade local no marco do programa +Xti

  • Tema
    • Xuventude,
    • Prevención de drogodependencias
Mércores, 19 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez e Carmen Basadre entregando os diplomas

A Alcaldesa, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, entregaron este mércores os diplomas aos 45 participantes de tres accións formativas organizadas pola entidade local na Casa da Xuventude no marco do programa +Xti. Trátase dos cursos de monitor de comedor escolar, de microespazos audiovisuais e de reparación de móbiles e equipos informáticos, dirixidos a mozos e mozas de entre 16 a 35 anos, que tiveron lugar do 9 de maio ao 27 de xuño, do 1 ao 21 de xullo, e do 6 ao 28 de xullo, respectivamente.

Durante a entrega de diplomas, Méndez mostrou o seu desexo de que “a formación adquirida sirva aos mozos para abrir novas portas e alternativas no mundo laboral”, ao tempo que lembrou a decidida aposta do Concello pola creación de emprego a través da formación profesional teórica e práctica dos mozos lucenses.

A Alcaldesa tamén manifestou neste encontro que “o desemprego é un problema prioritario para o Concello de Lugo, polo que continuaremos desenvolvendo obradoiros e iniciativas que melloren a formación dos parados lucenses”. Neste senso, a rexedora animou aos rapaces a aproveitar todas as oportunidades de formación posibles, que ofrecen saídas laborais reais. “Nun mercado tan competitivo como o actual é necesario formarse continuamente”, indicou Méndez. 


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-abre-portas-no-mercado-laboral-aos-mozos-con-talleres-de-monitor-de-comedor-escolar