O Centro Sociocultural Paco Martín perfílase como novo punto de atención cidadá na zona norte de Lugo
O Goberno local leva meses traballando na definición dos espazos e na distribución dos servizos que se implantarán neste complexo municipal, co obxectivo de crear un punto de atención cidadá que dea cobertura á zona norte da cidade.
A iniciativa contempla radicar unha dotación estable da Policía Local neste complexo para canalizar demandas veciñais, realizar trámites administrativos, atender consultas e actuar como nexo de conexión entre a cidadanía e os operativos despregados en cada quenda.
O alcalde sinalou que “a descentralización non é só unha mellora do servizo, é unha resposta necesaria ao crecemento da cidade e á distribución actual da súa poboación”.
- Tema
- Benestar social,
- Servizos sociais,
- Protección da comunidade,
- Seguridade

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, ven de visitar o Centro Sociocultural Paco Martín acompañado polo intendente da Policía Local, nunha xornada de traballo centrada en avanzar na descentralización dos servizos municipais e mellorar a atención directa á veciñanza. O obxectivo da xuntanza técnica foi analizar in situ as posibilidades do complexo para acoller novos servizos administrativos e operativos que permitan achegar o Concello á cidadanía da zona norte.
Durante o percorrido, o rexedor destacou que esta instalación reúne condicións idóneas para converterse nun punto de referencia na relación presencial coa administración local, facilitando a realización de trámites e a atención de consultas sen necesidade de desprazarse ao centro da cidade. “Queremos un Concello máis próximo, máis accesible e máis útil no día a día da xente, e iso pasa por levar os servizos municipais aos barrios. O obxectivo era que o punto estivese operativo ao longo deste mes, pero as circunstancias extraordinarias supoñen un conxelación temporal do proxecto”, sinalou.
O Goberno local ultima a definición dos espazos e na distribución dos servizos que se implantarán neste complexo municipal, co obxectivo de crear un punto de atención cidadá que dea cobertura á zona norte da cidade. Esta actuación enmárcase nunha estratexia máis ampla de modernización e descentralización administrativa, orientada a mellorar a eficiencia e a calidade do servizo público.
Ademais, estase a traballar para radicar un dotación policial estable con presenza diaria neste centro, o que permitiría reforzar a seguridade e a capacidade de resposta na zona. A intención é que persoal adscrito á Policía Local poida canalizar demandas veciñais, realizar trámites administrativos, atender consultas e actuar como nexo de conexión entre a cidadanía e os operativos despregados en cada quenda.
Este servizo daría cobertura a unha ampla área que inclúe o eixo da avenida da Coruña e barrios como A Milagrosa, A Piringalla, A Residencia, Abella, O Castiñeiro e Padre Feijoo, reforzando a proximidade dos servizos públicos nunha das zonas con maior densidade de poboación da cidade.
Miguel Fernández subliñou o carácter estratéxico desta iniciativa, destacando que “non se trata só de abrir un novo espazo administrativo, senón de cambiar a forma na que o Concello se relaciona coa cidadanía. Queremos romper coa idea dunha administración afastada e burocrática, e construír un modelo baseado na proximidade, na axilidade e na atención directa”.
O alcalde puxo o acento en que esta aposta responde a unha realidade demográfica clara, sinalando que “Lugo medrou de maneira sostida nos últimos anos e unha parte moi importante desa poboación concéntrase precisamente nestes barrios da zona norte.”. Neste sentido, engadiu que “a descentralización non é só unha mellora do servizo, é unha resposta necesaria ao crecemento da cidade e á distribución actual da súa poboación”.
O Goberno local continuará nas vindeiras semanas avaliando as necesidades técnicas e organizativas para facer realidade este novo punto de atención cidadá, que se configura como un paso máis na construción dun modelo de cidade máis próxima, moderna e centrada nas persoas.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a comisaria da Zona Norte | Descargar mp3 [1]
