Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Cemiterio Municipal de San Froilán, preparado para recibir novas actividades socioculturais

O Cemiterio Municipal de San Froilán, preparado para recibir novas actividades socioculturais

Rosana Rielo presentou a nova programación, que inclúe actuacións musicais, unha lectura de poemas, unha andaina e unha visita nocturna, así como teatro e danza ao longo de maio e xuño

  • Tema
    • Música,
    • Servizos xerais,
    • Cemiterio
Venres, 29 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Cemiterio Municipal de San Froilán, preparado para recibir novas actividades socioculturais

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, presentou este venres as novas actividades que acollerá o cemiterio municipal de San Froilán ao longo do mes de maio e xuño, para “ensinar un dos nosos potenciais, un dos valores da nosa cidade, como é o cemiterio, e para que a cidadanía aproveite e visite o mellor monumento funerario de España, o mausoleo neogótico do noso cemiterio”, subliñou a edil.

As actividades arrincarán o venres 6 de maio, cunha actuación musical e unha ofrenda floral con motivo do Día da Nai, baixo o lema Unha flor, un aloumiño. Será a a partir das 19:30 horas.

Para o sábado 14 de maio, o Concello ten programada unha andaina ata o cemiterio polo camiño de Santiago, con saída dende a Porta do Carme, pola Ponte Romana e San Lázaro. Para finalizar, realizarase unha visita guiada polos mausoleos e contruccións funerarias máis relevantes. A distancia a recorrer son 5 quilómetros aproximadadmante, de 2 horas e media de duración. Todos os interesados en participar nesta andaina, que conta cun número de prazas de 40, poderanse inscribir dende o vindeiro luns no Servizo de Atención Cidadá 010, e no 982-29-73-50 para chamadas de fóra de Lugo.

O día 19 de maio terá lugar unha visita nocturna ao cemiterio, para observar a posta do sol dende unha perspectiva diferente. Logo continuarase cun roteiro guiado arredor das tumbas de persoeiros ilustres da cultura galega, con lectura de poemas e acompañamento musical, a partir das 21:30 horas.

O 21 de xuño, o teatro e a danza chegarán ao cemiterio, con actuacións de Espazo Artístico 10 e Palimoquiños, ás 20:00 horas.

Audio

  • Rosana Rielo, sobre as actividades do cemiterio municipal de San Froilán |Descargar mp3 [1]

Máis info

  • Programa para as actividades do cemiterio municipal de San Froilán | Descargar pdf [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-cemiterio-municipal-de-san-froilan-preparado-para-recibir-novas-actividades-socioculturais

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/290416_rosana-actividades-cemiterio_1.mp3
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/folleto_prog_primavera16_cementerio.pdf