Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O CEI Nodus recuperará a súa praza exterior como espazo para os emprendedores e actividades de dinamización

O CEI Nodus recuperará a súa praza exterior como espazo para os emprendedores e actividades de dinamización

O edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, quere sacar o emprendimento á rúa e converter o exterior do CEI Nodus nun novo punto de encontro

Será un espazo ‘pop up’ onde os emprendedores poderán amosar o seus proxectos, propostas, creacións, produtos e servizos, e onde se desenvolverán actividades periódicas

Iníciase o proceso de contratación das obras de mellora, cun importe de 96.368 euros

  • Tema
    • Desenvolvemento local,
    • Emprego
Mércores, 25 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O CEI Nodus recuperará a súa praza exterior como espazo para os emprendedores e actividades de dinamización

O CEI Nodus, o Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo, quere sacar o emprendimento á rúa e darlle unha maior visibilidade ao traballo que desenvolven as empresas alí instaladas así como incentivar a creación “dun ecosistema emprendedor que facilite e axude ás e os lucenses, especialmente á xente nova, a que emprendan os seus retos empresariais”, segundo sostivo o concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, durante a supervisión, hoxe, ao espazo exterior das instalacións do CEI, que será mellorado e acondicionado.

A Xunta de Goberno local aproba hoxe o proxecto técnico das obras de recuperación da praza-xardín do CEI en Garabolos e a apertura do expediente de contratación desta actuación, cun importe de 96.368 euros, IVE incluído.

A zona, agora en desuso, converterase nun espazo “con vida”, segundo Mauricio Repetto, xa que se planificarán actividades periódicas para dar a coñecer o labor que os servizos do CEI pon a disposición das persoas que estean pensando en emprender, pero tamén servirá como espazo ‘pop up’ onde os emprendedores poidan amosar o seus proxectos, propostas, creacións, produtos e servizos.

“Tamén programaremos actividades culturais. A clave é que esta área exterior sexa un novo punto de encontro dos actores implicados na dinamización económica de Lugo”, mantén o concelleiro.

Audio

  • O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, sobre o CEI Nodus | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-cei-nodus-recuperara-sua-praza-exterior-como-espazo-para-os-emprendedores-e-actividades-de

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/250919_mauricio_repetto_-_praza_cei_nodus.mp3