Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O CEI-Nodus acolleu a presentación de Node Hub Galicia 2025 coa participación de empresas lucenses de referencia

O CEI-Nodus acolleu a presentación de Node Hub Galicia 2025 coa participación de empresas lucenses de referencia

No acto interviñeron o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, representantes de Torsa Capital, Startups.st e fondos como XesGalicia, Unirisco e Netaccede, así como empresas lucenses destacadas como Innogando e Medrar.

Node Hub Galicia 2025 é unha aceleradora tecnolóxica financiada ao 100 % por INCIBE que ofrecerá mentorización, formación avanzada, acceso a financiamento e visibilidade institucional.

O concelleiro Mauricio Repetto destacou que “Node Hub sitúa a Lugo como punto de encontro para o talento emprendedor e a innovación tecnolóxica”.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Desenvolvemento local,
    • Desenvolvemento económico,
    • Formación,
    • Novas tecnoloxías
Martes, 07 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O CEI-Nodus acolleu a presentación de Node Hub Galicia 2025 coa participación de empresas lucenses de referencia

O Salón de Actos do CEI-Nodus acolleu a presentación de Node Hub Galicia 2025, un programa de aceleración tecnolóxica financiado ao 100 % por INCIBE que ten como obxectivo impulsar startups, proxectos innovadores e empresas emerxentes desde Lugo.

O acto contou coa asistencia do concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, así como con representantes de Torsa Capital, entidade que ademais é a xestora do fondo municipal de capital risco Lugo Transforma, o único de Galicia con participación pública local; de Startups.st; e de fondos de investimento como XesGalicia, Unirisco e Netaccede, que participaron na mesa redonda sobre atracción de capital e os retos das startups á hora de acceder a financiamento.

Tamén interviron empresas lucenses de referencia vinculadas á innovación e á transformación empresarial. Innogando, compañía que desenvolve tecnoloxía para o sector agropecuario —coa creación do dispositivo RUMI para monitorizar o gando— participou como exemplo de startup apoiada polo fondo público-privado Lugo Transforma, no que recibiu recentemente unha nova achega de 400.000 euros como parte dunha rolda de financiamento de 1,4 millóns. Pola súa parte, Medrar Smart Solutions, consultora especializada en innovación, transformación dixital e asesoramento a empresas do sector agroalimentario, sumouse ao debate como axente activo do ecosistema empresarial lucense.

Durante a súa intervención, Mauricio Repetto destacou que “Node Hub sitúa a Lugo como punto de encontro para o talento emprendedor e a innovación tecnolóxica. Apostamos por xerar espazos de colaboración nos que as novas empresas poidan medrar, captar investimento e consolidarse no mercado”. Engadiu ademais que “Lugo demostra que tamén desde o territorio se pode competir en tecnoloxía e innovación. Aceleradoras como esta serven para atraer talento, reter proxectos e abrir novas oportunidades de emprego cualificado para a nosa cidade”.

A programación da xornada incluíu dúas mesas redondas: unha centrada en como preparar as startups para captar investimento, con representantes de Torsa Capital, XesGalicia, Unirisco e Netaccede; e outra sobre a transformación empresarial desde Lugo, na que participaron Innogando, Medrar, ABConsultores, Ingenyus e outros actores do ecosistema.

Finalmente, presentáronse as características de Node Hub Galicia 2025, que ofrecerá programas de aceleración personalizados, mentorización con profesionais de referencia, formación avanzada en estratexia e financiamento, acceso directo a redes de investimento e visibilidade institucional. A sesión pechouse cun espazo de networking no que emprendedores e investidores intercambiaron experiencias e estableceron novos contactos.

Audio

  • O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, sobre a presentación de Node Hub Galicia 2025 | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-cei-nodus-acolleu-presentacion-de-node-hub-galicia-2025-coa-participacion-de-empresas

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/mauriciorepetto_o_cei-nodus_acolleu_a_presentacion_de_node_hub_galicia_2025_coa_participacion_de_empresas_lucenses_de_referencia.mp3