Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Arlequín seleccionado como o cartel anunciador do Entroido 2010 do Concello de Lugo

O Arlequín seleccionado como o cartel anunciador do Entroido 2010 do Concello de Lugo

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Mércores, 27 de xaneiro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, presentou xunto aos membros do xurado, a directora da Escola de Artes Ramón Falcón, Esther Muñoz, Jesús Cao, da Asociación Cultural Pepe Barreiro, e o deseñador Enrique Bonet, a resolución do IV Concurso de Carteis de Entroido organizado por esta Concellería co fin de promocionar estas festas.

O xurado do certame reuniuse esta mañá na Casa Consistorial para seleccionar o cartel gañador desta cuarta edición. O faio declarou como gañador ao cartel titulado “O Arlequín”. O autor da obra galardonada é a lucense Naila Montes Vázquez, que recibirá o premio de 600 euros, en nome dun grupo de alumnas de 2º de BAC de Artes do Colexio Fingoi.

A edil destacou a gran calidade dos 41 traballos presentados, 10 máis que no 2009, o que dificultou a elección do cartel gañador. Burgo indicou que “cada ano é máis difícil a selección, xa que vai aumentando considerablemente o número de traballos presentados, o que pon de manifesto a consolidación do concurso”.

A directora da Ramón Falcón explicou que “non foi nada fácil a selección do gañador pola alta calidade e orixinalidade dos carteis presentados” e engadiu que “eliximos o cartel gañador porque sobresaía o seu impacto visual”.

Outro dos elementos do cartel subliñados polo xurado, foi a inclusión da imaxe da Muralla romana que este ano celebra o seu décimo aniversario como Patrimonio Mundial.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-arlequin-seleccionado-como-o-cartel-anunciador-do-entroido-2010-do-concello-de-lugo