Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Arde Lvcvs viaxa en autobús pola Meseta Norte

O Arde Lvcvs viaxa en autobús pola Meseta Norte

O Concello colocou o cartel anunciador oficial destes festexos na traseira integral dun autobús da compañía Alsa, no marco do convenio de colaboración asinado no pasado mes de xaneiro

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Promoción turística,
    • Transporte
Xoves, 05 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Arde Lvcvs viaxa en autobús pola Meseta Norte

O Concello de Lugo está a quentar motores para o Arde Lvcvs 2016 que terá lugar do 16 ao 19 de xuño. Deste xeito, a entidade local colocou o cartel anunciador oficial destes festexos na traseira integral dun autobús da compañía Alsa, que percorrerá a Meseta Norte, pasando polas comunidades de Madrid, Cantabria, País Vasco e Galicia, entre outras; un recurso que tamén está empregando o Concello para difundir a campaña promocional Ven, é Lugo, estreada o pasado mes de xaneiro, á que tamén se fai referencia nesta inserción. Esta acción de publicidade enmárcase no convenio de colaboración asinado entre Concello e Grupo Alsa no pasado ao longo da última edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR).

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, explicou que con esta inserción publicitaria “activa e dinámica” refórzase o coñecemento do Arde Lvcvs no territorio nacional, que mes tras mes aporta ao redor do 90% dos turistas totais. Neste senso, a edil manifestou que o obxectivo que persegue o Concello con esta campaña é reverter na asistencia de persoas tanto a esta festa de recreación histórica, que no pasado ano 2015 concentrou na cidade en tres días a unhas 600.000 persoas, así como na actividade turística da cidade.

Respecto á elección da liña para levar a traseira, Basadre manifestou que se debe a que hai un número importante de turistas desta comunidades que chegan á Oficina de Turismo Municipal ao longo do ano. Ademais, a Concelleira asegurou que a mobilidade do anuncio permitirá a presenza constante do Arde Lvcvs e de Lugo nas estradas, facilitando a súa visibilidade.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o cartel anunciador do Arde Lvcvs |Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-arde-lvcvs-viaxa-en-autobus-pola-meseta-norte

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/050516_basadre-arde-lvcvs-bus.mp3