Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Arde Lucus MMXIII celebrarase os días 14, 15 e 16 de xuño

O Arde Lucus MMXIII celebrarase os días 14, 15 e 16 de xuño

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Xoves, 27 de decembro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre, anunciou hoxe que a duodécima edición do Arde Lucus, Festa de Interese Turístico de Galicia, celebrarase os días 14, 15 e 16 de xuño.

Carmen Basadre explicou que estas datas foron escollidas para a festa de recreación do pasado romano de Lugo porque, en 2013, as celebracións da festividade do Corpus serán as dúas fines de semana anteriores.

A Concelleira tamén anunciou varias das novidades que marcarán a festa este ano. Basadre avanzou, por exemplo, que se vai ofrecer ás asociacións a posibilidade de “prolongar ata San Xoán o campamento, de xeito que poderá estar aberto, se así o queren as asociacións, dende que comece a festa ata a seguinte fin de semana, inclusive”.

Carmen Basadre anunciou, ademais, que o Arde Lucus MMXIII estará adicado ás mulleres.

“Queremos que haxa moitas Hipatias e moitas Lisístratas, para debatir cos senadores”, explicou a Concelleira.

“Aínda que daquela non había mulleres no Senado, tamén había mulleres loitadoras naqueles tempos, como foron Hipatia e Lisístrata, así que pretendemos que se apunten moitas mulleres para participar nos debates e lograr así unha democracia máis participativa”, sinalou Carmen Basadre.

Basadre anunciou que para organizar esta incorporación das mulleres ó Senado, abrirase no mes de xaneiro, nas oficinas de Xuventude, no terceiro andar do Uxío Novoneyra, unha lista na que se poderán apuntar máis senadores e tamén as mulleres que o desexen”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-arde-lucus-mmxiii-celebrarase-os-dias-14-15-e-16-de-xuno