Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Arde Lucus chegou a máis de 350.000 persoas de todo o continente, acadando máis de 85.000 reproducións os contidos audiovisuais

O Arde Lucus chegou a máis de 350.000 persoas de todo o continente, acadando máis de 85.000 reproducións os contidos audiovisuais

A XIX edición da festa de recreación histórica, a máis virtual debido á crise sanitaria, chegou a países de todo o mundo a través das redes sociais, acadando máis de 135.000 reaccións en Facebook, Twitter, Instagram e YouTube

O Concello elaborou un spot promocional da edición e un documental coa participación de representantes das 19 asociacións vinculadas á celebración

  • Tema
    • Alcaldía,
    • COVID-19,
    • Cultura e Turismo,
    • Promoción turística,
    • Programación cultural
Martes, 30 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Arde Lucus clausurou a súa XIX edición, a máis virtual da historia debido á crise sanitaria, chegando a máis de 350.000 persoas de todo o continente. Este dato reflicte o alcance das publicacións nas redes sociais do evento que este ano cobraron un especial protagonismo, chegando a países como Reino Unido, Portugal, Estados Unidos, Arxentina, Alemania, Italia, Francia, Rumanía, Colombia ou Brasil, entre outros.

Así mesmo, os contidos publicados a través destas canles superaron as 135.000 reaccións (me gusta, comentarios e publicacións compartidas) en Facebook, Instagram, Twitter e YouTube. Respecto aos contidos audiovisuais publicados, os vídeos rexistran máis de 85.000 reproducións, en menos dunha semana, unha cifra que continúa a incrementarse.

A alcaldesa, Lara Méndez valorou de xeito moi positivo estes datos “estamos a falar de que chegamos a todo o mundo e iso, evidentemente, significa que o Arde Lucus xa é internacional, e que ademáis vai a ter unha repercusión importante de cara ao ano 2021, supoñendo unha fiestra aberta ao mundo da nosa cidade, o que traerá máis visitantes que queiran gozar de Lugo a pé de rúa”.

Os contidos máis visualizados foron un spot promocional da edición e un emotivo documental elaborados polo Concello, no que representantes das 19 asociacións vinculadas á celebración falan da súa importancia para a cidade. Tamén acumulan centos de reproducións os distintos vídeos elaborados polos colectivos, onde se reflicten aspectos importantes da historia romano castrexa de Lugo.

Spot promocional e documental

O vídeo promocional, en galego e castelán, conta coa participación de todas asociacións en distintas localizacións emblemáticas. A voz do actor Luis Iglesias vai dirixindo un vídeo onde se recolle á forza desta celebración e a capacidade de superación do pobo de Lugo: “Baixo o lume sagrado da nosa memoria, na forxa dos deuses, en pedra e auga, trazaredes o voso camiño. Cando precisedes azos para seguir, o folgos para resistir, a vida ensinaravos que cada paso nos levará á fortuna. E cada pegada asegúrovolo, sinalará o camiño á victoria. Este é o voso fogar, olládeo, Lucus Augusti”.

No documental, mestúranse imaxes reais do Arde Lucus con declaracións de representantes das 19 asociacións, así como da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Xuventude, Ana González, nas que explican as vivencias desta festa, a súa evolución, a súa importancia para a cidade e como afrontar a transformación deste ano; así como as expectivas para o ano que vén con vistas a súa internacionalización.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o balance do Arde Lucus 2020 | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-arde-lucus-chegou-mais-de-350000-persoas-de-todo-o-continente-acadando-mais-de-85000

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/300620_lara_mendez_-_balance_arde_lucus.mp3