Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O alcalde preside a Xunta Local de Seguridade do San Froilán e pon en valor o dispositivo especial e o aumento de efectivos para garantir a protección e a convivencia da cidadanía

O alcalde preside a Xunta Local de Seguridade do San Froilán e pon en valor o dispositivo especial e o aumento de efectivos para garantir a protección e a convivencia da cidadanía

As principais novidades deste ano céntranse no remate das rúas peonís tanto do centro histórico como de Recatelo, que permiten mellores opcións ante posibles emerxencias.

Os días de máis afluencia das patronais haberá dispositivos especiais de todos os corpos, que no caso da Policía Local tradúcese en ata 10 patrullas por quenda. 

O rexedor encabezou a reunión, xunto a subdelegada Olimpia López, e os representantes de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, xunto ao resto de corpos estatais.

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade
Luns, 29 de setembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde preside a Xunta Local de Seguridade do San Froilán e pon en valor o dispositivo especial e o aumento de efectivos para garantir a protección e a convivencia da cidadanía

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade do San Froilán na que se puxeron sobre a mesa as principais novidades deste ano, “para garantir a seguridade, a vixilancia, a convivencia e a protección da veciñanza durante a celebración das patronais”. Así se comentou no transcurso da reunión desta xunta de seguridade para tratar os aspectos do Plan de Autoprotrección das festas, que este ano conta como principais novidades os distintos operativos de emerxencia que adecúanse as novas rúas peonís do centro histórico e do barrio de Recatelo, e que permiten mellores opcións ante posibles evacuacións e controis dos distintos dispositivos de emerxencias. 

A citada Xunta Local de Seguridade estivo copresidida pola nova subdelegada do Goberno, Olimpia López, e coa asistencia da concelleira de Cultura, Tareixa Ferreiro, así como dos responsables de Policía Nacional, Policía Local, Subsector de Tráfico da Garda Civil, Policía Autonómica, Corpo de Bombeiros, servizo de Protección Civil municipal, e dos responsables de elaborar o Plan de Autoprotección das festas, obrigatorio para todos aqueles concellos que celebren eventos de gran afluencia como é o caso das patronais de Lugo. 

Miguel Fernández puxo en valor o “traballo de todas as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado xunto aos distintos servizos municipais para ter unha boas festas, nas que non só se garanta a seguridade da cidadanía de Lugo, senón tamén a dos milleiros de visitantes que se achegarán a Lugo estes días, asegurando tamén unha perfecta convivencia e que todas e todos desfrutemos das festas sen incidentes e con boa sintonía”.

O Plan de Autoprotección do San Froilán deste ano introduce poucas variacións, respecto a edicións anteriores, xa que mantense moitos dos escenarios e horarios nos que se levarán a cabo os actos de maior afluencia, aínda que durante dita reunión destacouse o feito de que o remate das obras de peonalización en rúas do centro histórico e tamén do barrio de Recatelo, implica cambios nos dispositivos especiais ante posibles evacuacións e, polo tanto, mellores opcións para responder ante distintas emerxencias.  

Desde a Policía Local púxose de manifesto aspectos relativos aos plans de valoración de riscos internos como atraccións, incendios ou aglomeracións, como de riscos externos, por choivas e ventos, con análises das vías de evacuacións, rutas de emerxencias e cara o PAC ou o Hula. O intendente xefe da Policía Local tamén expuxo o reforzo de efectivos en todas as quendas, e de xeito especial nas fin de semana, con ata nove ou dez patrullas por quenda. Ademais das patrullas de seguridade cidadá, haberá outras no propio feiral e nos cortes de tráfico rodado nas inmediacións da Porta de Santiago e Ramón Ferreiro. Igualmente, haberá patrullas permanentes para medición de ruídos e unidade móbil para as cámaras de do feiral e das principais prazas da cidade. Tamén se incrementarán os efectivos para control de drogas ou do horario dos establecementos hostaleiros.

O resto de Forzas e Copos do Seguridade do Estado tamén incrementarán o número de efectivos e reforzos de cara a estas festas, con máis policías nacionais na propia cidade como na Comisaría; máis controis de tráfico por parte da Garda Civil; e con dous sectores de Bombeiros, un fixo na zona do parque, e outro alterno en Praza de Armañá e na zona do Pavillón municipal, con ata 11 efectivos por sector para atender calquera incidencia.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-alcalde-preside-xunta-local-de-seguridade-do-san-froilan-e-pon-en-valor-o-dispositivo