Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O alcalde enxalza o papel do Campus e da EPS para o futuro verde e sostible de Lugo, na celebración do Día da Terra

O alcalde enxalza o papel do Campus e da EPS para o futuro verde e sostible de Lugo, na celebración do Día da Terra

Miguel Fernández asistiu esta mañá aos actos organizados na Escola Politécnica “nunha xornada que debe ser conmemorativa pero tamén reivindicativa”.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Medio ambiente
Xoves, 24 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde enxalza o papel do Campus e da EPS para o futuro verde e sostible de Lugo, na celebración do Día da Terra

O rexedor municipal participou esta mañá nos actos de conmemoración do Día da Terra, celebrados na Escola Politécnica, onde enxalzou “o papel crucial desta escola superior e do Campus Terra no futuro verde e sostible do modelo de cidade no que estamos a traballar”. De feito, Miguel Fernández sinalou que “esta xornada non debe ser só conmemorativa senón tamén reivindicativa, para seguir avanzando no coidado e desenvolvemento do noso medio ambiente e da nosa contorna natural”.

No transcurso da xornada celebrada na Escola Politécnica, o alcalde chamou a atención sobre como “a nosa paisaxe, as nosas terras e recursos naturais forman parte esencial da nosa identidade e do noso patrimonio”. Por iso, sinalou, “é fundamental seguir protexendo o medio natural, non só como un legado para futuras xeracións, senón tamén como unha oportunidade de crecer, de potenciar a economía a través do impulso do sector primario, tan importante no noso municipio”.

Nesa aposta conxunta da Universidade e do propio Concello de Lugo polo crecemento dos sectores agrícolas, gandeiros e forestais, como vía para a innovación, a sostibilidade e o coidado do noso medio, Miguel Fernández falou da necesidade de impulsar empresas que lideren a economía verde, circular e sostible. Neste sentido, desexou que “as e os profesionais que marquen a folla de ruta desas empresas punteiras sexan precisamente as alumnas e alumnos desta Escola Politécnica, como parte esencial para seguir coidando a nosa terra”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-alcalde-enxalza-o-papel-do-campus-e-da-eps-para-o-futuro-verde-e-sostible-de-lugo-na