O alcalde emplaza á Xunta, Deputación e Protectora a unha reunión no Concello para pechar o convenio para a reforma das instalacións de Muxa
O Concello busca dar o paso definitivo para formalizar o acordo entre administracións e iniciar a execución do proxecto.
O Goberno local conta xa coa licenza urbanística, o proxecto validado e coa consignación económica municipal prevista nos orzamentos.
“O obxectivo é pechar canto antes un convenio que garanta a viabilidade dunha intervención urxente e imprescindible para o benestar animal”, sinala Miguel Fernández.
- Tema
- Medio ambiente,
- Auga

O Concello de Lugo, a través da Alcaldía, vén de convocar unha reunión de traballo no Concello para a próxima semana coa Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Sociedade Protectora de Animais e Plantas, co obxectivo de avanzar na sinatura e peche do convenio de financiamento para a reforma das instalacións de Muxa.
Neste sentido, o alcalde, Miguel Fernández, subliña a necesidade de avanzar na firma do acordo “para non demorar máis un proxecto de vital importancia para garantir o benestar animal no municipio e asegurar a sostibilidade da Protectora”, incidindo en que o encontro debe servir para abordar os últimos detalles e fixar unha data para a súa sinatura.
O Goberno local lembra que o proxecto de reforma e ampliación das instalacións da Protectora conta xa con todos os informes técnicos favorables e coa licenza urbanística necesaria, polo que desde o punto de vista administrativo está preparado para a súa execución.
A actuación contempla a construción dun novo edificio de recepción e clínica veterinaria, unha residencia e zona de corentena para gatos, un parque de caniles sectorizado, así como melloras nas áreas de servizo, almacenaxe, aparcamento e a instalación de paneis solares.
O investimento global previsto ascende a 750.000 euros, dentro dun modelo de financiamento compartido entre administracións, no que o Concello de Lugo ten prevista unha achega de 248.146 euros, xa consignada nos orzamentos municipais.
O alcalde insiste na importancia de concretar canto antes o marco de colaboración institucional, lembrando que o Concello xa dispón de todos os instrumentos necesarios para facilitar o acordo entre as partes.
“O obxectivo é que Xunta, Deputación, Protectora e Concello poidamos asinar un convenio o antes posible que permita iniciar as obras e dar resposta a unha necesidade urxente”, sinala Fernández, quen destaca que “o proxecto está listo desde o punto de vista técnico e económico, polo que agora é necesario formalizar o acordo para a súa execución”.
A este respecto, o rexedor pon en valor o traballo realizado polo Concello ao longo de todo o proceso, acompañando á entidade na adaptación do proxecto ás esixencias normativas e garantindo a súa viabilidade.
Fernández lembra que a Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo leva décadas desenvolvendo un labor esencial na atención de animais abandonados, polo que considera prioritario dotala dunhas instalacións modernas, eficientes e adaptadas á normativa vixente.
“Estamos ante unha actuación imprescindible para mellorar o benestar animal na cidade e reforzar o traballo dunha entidade que cumpre unha función social fundamental”, conclúe.
Audio
- Fernández, sobre o convenio para a reforma das instalacións de Muxa | Descargar mp3 [1]
