O Alcalde destaca a importancia da formación dos xóvenes na clausura dos obradoiros organizados dentro do programa europeo Muralla Dixital
Hoxe recibiron os diplomas os 32 participantes nos catro obradoiros organizados polo Concello para dixitalizar o patrimonio cultural lucense e ampliar a formación de mozos desempregados
Os alumnos aprenderon o uso de novas tecnoloxías e a súa aplicación ó patrimonio documental e arqueolóxico de Lugo
O Alcalde, José López Orozco, presidiu hoxe a entrega de diplomas ós mozos que participaron nos obradoiros organizados polo Concello de Lugo dentro do programa europeo Muralla Dixital. O acto, co que remataron os catro obradoiros do programa de formación desenvolvido ó abeiro deste proxecto europeo, celebrouse esta mañá na Casa do Concello e contou coa asistencia, tamén, da Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñoz, e doutros membros da Corporación municipal.
Na súa intervención, o Alcalde salientou a “necesidade de mellorar a formación dos mozos para facerlle fronte a estes tempos tan complicados que vivimos” e despediu ós participantes no programa desexándolles que a formación que recibiron durante estes cinco meses lles sexa de utilidade na súa vida profesional.
Este programa de formación, no que se empregaron as novas tecnoloxías da información e da comunicación, é unha das iniciativas que leva a cabo o Concello de Lugo para mellorar a formación dos mozos co obxectivo de favorecer a súa inserción laboral ó tempo que supón unha nova aposta pola difusión do patrimonio cultural lucense.
O programa consistiu na organización de catro obradoiros, nos que se empregaron as novas tecnoloxías da información e da comunicación, e que contaron coa participación de 32 persoas desempregadas, con idades comprendidas entre 18 e 35 anos, que están en posesión dunha licenciatura ou son técnicos superiores en formación profesional.
Os obradoiros, que remataron hoxe, comezaran o pasado 2 de novembro e durante este tempo os alumnos percibiron unha bolsa remunerada con 865 euros mensuais.
Durante este tempo, os alumnos formáronse no manexo de diferentes ferramentas tecnolóxicas de rexistro, documentación e difusión que van ser aplicadas no patrimonio cultural de Lugo, con especial incidencia sobre a Muralla e os restos arqueolóxicos do Lugo romano.
Os catro obradoiros
Un dos catro obradoiros adicouse á dixitalización do patrimonio documental lucense, e nel os alumnos aprenderon técnicas de reprografía dixital de documentos de gran valor histórico, como é o caso da documentación histórica e arqueolóxica depositada no Concello de Lugo relacionada principalmente coa súa evolución urbanística e coa muralla. Os participantes neste obradoiro aprenderon, por exemplo, o manexo de escáneres de alta velocidade e mesas de reproducción con cámara dixital.
Un segundo obradoiro tratou sobre dixitalización 3D do patrimonio histórico-arqueolóxico lucense. Nel os alumnos aprenderon as distintas técnicas de rexistro espacial 3D a través da súa aplicación práctica sobre o patrimonio histórico-arqueolóxico da cidade, con especial incidencia na técnica da fotogrametría dixital aplicada á dixitalización 3D de pezas arqueolóxicas descubertas nas excavacións de Lugo.
Outro dos obradoiros foi sobre fotografía dixital panorámica 360º do patrimonio histórico-arqueolóxico lucense. Neste caso, os alumnos formáronse nas novas técnicas da fotografía dixital panorámica 360º e a súa aplicación práctica sobre os principais elementos do patrimonio histórico-arqueolóxico da cidade, con especial incidencia sobre a Muralla Romana, o que vai permitir a creación de visitas virtuais dos mesmos para contribuir á súa difusión.
O último dos obradoiros adicouse ó modelado e animación 3D do patrimonio histórico-arqueolóxico lucense. Os participántes nel formáronse nas técnicas de reconstrución virtual 3D a travñes da súa aplicación práctica sobre os principais elementos do patrimonio histórico-arqueolóxico da cidade, especialmente sobre os restos arqueolóxicos da época romana, o que vai permitir unha mellor comprensión dos mesmos.
Unha iniciativa cofinanciada pola Unión Europea
Esta acción formativa inscríbese no proxecto Muralla Dixital, que é un proxecto europeo cofinanciado nun 75% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvementeo Rexional (FEDER), no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP) que ten como obxectivo principal a creación dunha rede de cidades amuralladas de Galicia e Norte de Portugal que aposten pola xestión conxunta para a valorización e difusión do seu patrimonio histórico-arqueolóxico a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación.
O proxecto Muralla Dixital está liderado polo Concello de Lugo e conta coa participación como socios da Universidade de Santiago de Compostela, a través da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo; Ineo (Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías de Información e Comunicación), Centro de Computação Gráfica Azurém (Universidade do Minho) e os Cámaras portuguesas de Valença do Minho, Monçao e Melgãço. O orzamento global deste programa é de 1.883.800 euros.
(Máis información na web www.muralladigital.eu [1])
