Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Alcalde de Lugo recibiu na Casa do Concello aos nenos e nenas saharauís que pasan os meses de verán na cidade

O Alcalde de Lugo recibiu na Casa do Concello aos nenos e nenas saharauís que pasan os meses de verán na cidade

  • Tema
    • Igualdade
Mércores, 15 de xullo de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu na Casa do Concello a un grupo de 10 cativos e cativas saharauís e as familias de acollida lucenses coas que pasarán os meses de verán.

Esta recepción encádrase dentro do convenio de colaboración entre o Concello e a ONG “Solidariedade Galega co Pobo Saharauí” para o proxecto “Vacacións en Paz”.

O mandatario lucense quixo agradecer aos pais de acollida de Lugo “o seu xesto é unha mostra de solidariedade e un exemplo de esperanza para todos. Cando hai xente que se comporta así, lembramos que a humanidade é capaz de facer as cousas ben e de que o mundo non é tan malo”.

López Orozco explicou que o seu desexo “é que estes nenos e nenas puideran vivir sempre en paz”.

Durante estes dous meses os rapaces e rapazas terán a oportunidade de gozar das comodidades dun país desenvolvido e de aprender o galego e o castelán. Ademais, realízaselles unha revisión médica completa e probas oftalmolóxicas, e aqueles nenos nos que se detecta algún problema de saúde, son derivados ao especialista correspondente.

O Alcalde convidou aos nenos e nenas a voltar o ano que vén, ademais, entregoulles uns agasallos que consistiron nunha bolsa con camisetas, sudadeiras e un exemplar da revista “Lugo, vive e convive”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-alcalde-de-lugo-recibiu-na-casa-do-concello-aos-nenos-e-nenas-saharauis-que-pasan-os-meses