Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O alcalde de Lugo presenta o programa do Eixo Atlántico para este ano tras ratificar un orzamento de 5,1 millóns de euros

O alcalde de Lugo presenta o programa do Eixo Atlántico para este ano tras ratificar un orzamento de 5,1 millóns de euros

Miguel Fernández expuxo á Asemblea Xeral, reunida na Coruña, as liñas mestras para poñer en valor a cultura e impulsar plans estratéxicos para Galicia e Norte de Portugal.

Como presidente do Eixo Atlántico manifestou que “temos unha responsabilidade institucional; unha oportunidade histórica de consolidar a cooperación transfronteiriza”.

Coa asistencia do director da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, Antón Leis, deuse a benvida ao concello de Macedo de Cavaleiros como municipio adherido ao ente galego-portugués.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Desenvolvemento local,
    • Desenvolvemento económico,
    • Economía
Xoves, 19 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde de Lugo presenta o programa do Eixo Atlántico para este ano tras ratificar un orzamento de 5,1 millóns de euros

O alcalde de Lugo e presidente do Eixo Atlántico, Miguel Fernández, presentou esta mañá, na Coruña, ante a Asemblea Executiva o programa deste organismo galego-portugués para este ano, unha vez ratificado o orzamento de 5,1 millóns de euros co que “continuar avanzando no  intercambio de proxectos de posta en valor da nosa cultura e do noso patrimonio, pero tamén para impulsar plans estratéxicos; avances nas infraestruturas; nos sectores que sustentan a nosa economía; e iniciativas valentes e competitivas no ámbito do emprendemento, como vía para mirar ao futuro”.

O contexto internacional, “moi complicado e pouco conciliador”, foi unha das cuestións abordadas por Miguel Fernández durante a súa intervención. Neste sentido, e como presidente do Eixo, manifestou que “temos a oportunidade de ser exemplo, e de avanzar nese obxectivo común para os concellos de Galicia e do Norte de Portugal; temos unha responsabilidade institucional, unha oportunidade histórica para consolidar a cooperación transfronteiriza, impulsando proxectos estratéxicos en ámbitos como a cultura, a economía, a sostibilidade e o turismo”.

Ademais, co programa para 2026 tamén desenvolverase unha “estratexia centrada en reforzar a resiliencia das cidades membros a través de tres obxectivos esenciais, como son a sostibilidade urbana; o desenvolvemento económico e o desenvolvemento social”. Por iso, entre as iniciativas que reforcen os vínculos entre as comunidades galego portuguesas, Miguel Fernández se referiu, dentro do ámbito económico, ao desenvolvemento en Amarante da novena edición de Expocidades, e na Coruña, o quinto seminario de intercambio de experiencias de turismo, baixo a temática do Turismo policéntrico. Nesta mesma liña, explicou o rexedor lucense “o proxecto POST avanzará na idea dun turismo afastado das masas, centrándose na redistribución dos fluxos turísticos, con sesións en Viana do Castelo e cun congreso final en Francia”.

Ademais, entre os obxectivos sinalados hoxe por Miguel Fernández, está “facer un seguimento do mapa de Infraestruturas, co fin de garantir que as que están en execución non se paralicen, e se convertan nun problema endémico para a nosa Eurorrexión, ao tempo que avanzamos en en accións concretas de sostenibilidade urbana e cohesión territorial que melloren a calidade de vida das persoas que viven e traballan na Eurorrexión, algo que é, ante todo, o fin último desta institución”, explicou.

O turismo foi un dos puntos nos que máis se estendeu o rexedor lucense, xa que lembrou que “Lugo, por exemplo, xa lidera proxectos europeos como POST (Policentric and Sustainable Tourism), no que promovemos modelos máis equilibrados e respectuosos co territorio, xunto con entidades de España, Portugal, Irlanda e Francia”, para rematar sinlando que imos consolidar proxectos que teñan impacto real na vida das persoas, no emprego, no emprendemento e que favorezan un desenvolvemento equilibrado e sostible”.

Para o presidente do Eixo “estamos ante un ano cheo de proxectos e estratexias claves, coas que este organismo novamente vai demostrar que é moito máis cunha asociación: é a expresión máis brillante da cooperación cultural, económica e social nun territorio que compartimos con irmáns e irmás do Norte de Portugal. Un proxecto que se constrúe desde o respecto á nosa lingua, cultura, patrimonio e retos comúns de futuro”.

Internacionalización

Un dos puntos máis destacados da intervención do presidente do Eixo Atlántico se referiu ao ámbito da internacionalización, no que “imos desenvolver programas da Unión Europea e das relacións internacionais, liderando proxectos europeos con proxección internacional, para chegar a ser esenciais nesa transformación urbana e económica”. Ademais, para este 2026 está previsto a actualización da Axenda Urbana, que no seu día puxo en marcha a maior parte dos programas de cooperación con América Latina. A esto súmase a apertura de novas liñas de cooperación cos países PALOP (Países Africanos con lingua Oficial Portugués).

Tamén haberá espazo para proxectos culturais e educativos de alcance internacional, como a XV Bienal de Pintura ou a IX Mostra Musical, que conectan o talento e a creatividade dos nosos territorios; ou a programas de cooperación en deporte como os torneos de boccia, hóquei en patins e taekwondo ou os Xogos do Eixo Atlántico, que acadan a súa décimosexta edición.

Con programas e iniciativas como esta, Miguel Fernández considera que “imos reafirmar o noso compromiso de situar a Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal como un referente de cooperación europea”, con iniciativas, dixo, que “teñen impacto real no turismo sostible, na innovación e na internacionalización das nosas economías”.

Por último, o alcalde de Lugo insistiu en que “o Eixo non é só unha alianza administrativa; é un proxecto colectivo construído desde a cooperación, a solidariedade e a vontade de avanzar xuntos. Con este espírito, Lugo comprométese a liderar este proxecto con humildade, con valentía e cunha visión compartida de futuro para Galicia e para toda a Eurorrexión”.

Audio

  • O alcalde de Lugo,Miguel Fernández, sobre o programa do Eixo Atlántico | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-alcalde-de-lugo-presenta-o-programa-do-eixo-atlantico-para-este-ano-tras-ratificar-un

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/021926_audio_miguelfernandez_o_alcalde_de_lugo_presenta_o_programa_do_eixo_atlantico_para_este_ano_tras_ratificar_un_orzamento_de_51_millons_de_euros_.mp3