Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Alcalde de Lugo presenta a María Novo como a nova Delegada de Urbanismo en sustitución de Francisco Fernández Liñares

O Alcalde de Lugo presenta a María Novo como a nova Delegada de Urbanismo en sustitución de Francisco Fernández Liñares

Martes, 08 de xullo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado polo actual Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares, presentou á que será en pouco tempo a nova Delegada de Urbanismo no Concello de Lugo: María Novo Pena.

López Orozco salientou a excelente traxectoria profesional que ten Novo e que avala a súa decisión de nomeala responsable deste área logo de 3 anos como xerente da Empresa Municipal de Vivenda e Solo, EVISLUSA.

María Novo é licenciada en Dereito, profesión que exerceu ata o de agora, e ten unha ampla experiencia no sector do Urbanismo. De feito formou parte do equipo redactor inicial do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Meira e Samos.

Ademais coñece perfectamente o Plan Xeral lucense e na actualidade é membro do grupo de traballo sobre normativa urbanística e de vivenda da Asociación Española de Promotores Públicos.

O Alcalde lucense resaltou o importante traballo levado a cabo pola nova Delegada na execución de obras e desenvolvemento de actuacións urbanísticas na zona de Paradai, así como a xestión das fases 7, 8 e 9 da área de rehabilitación do Centro Histórico de Lugo e a Rehabilitación integral do Sagrado Corazón.

López Orozco explicou que o traballo máis importante que asume Novo "é ver rematada a obra de Besteiro e Liñares, o PXOM, o seu desenvolvemento e sobre todo o dos polígonos que se desenvolverán por cooperación onde o axente urbanizador é o Concello, xestión que María Novo coñece ben xa que o fixo nos Polígonos de Paradai".

Tamén destacou a maioría de mulleres que agora hai no equipo de goberno -7 mulleres e 6 homes- "mulleres preparadas e con responsabilidades acordes coa súa excelente formación".

Ademais, con este nomeamento, que se fai amparado na LeI 57/2003 de 16 de decembro de medidas para a modernización do goberno local, continuase coa política de xestión iniciada por López Orozco no seu mandato. "Para traballar co equipo do Partido Socialista non se esixe o carné, só ganas de traballar a favor da cidade e do interese xeral. Esta é unha apertura máis cara a sociedade."

Para o Alcalde lucense a marcha de Francisco Fernández Liñares para a Confederación Hidrográfica do Miño é unha boa nova para Lugo e para Galicia en xeral. "Para min é unha satisfacción enorme que o elixan, despois de case 10 anos de colaboración ininterrompida, entendo o que está a facer a Confederación. Paco é unha persoa capaz, preparada e cun rasgo fundamental:  unha lealdade extraordinaria".

López Orozco destacou o traballo que Liñares deixa feito no conxunto da cidade "perdo un extraordinario colaborador e a cidade un extraordinario servidor". O Alcalde, visiblemente emocionado agradeceu ao actual Concelleiro de Urbanismo o traballo realizado co equipo de goberno.

O Alcalde desexoulle o maior éxito "cre no que vai facer, cre no sentido do deber e o seu éxito, egoistamente, repercutirá positivamente na cidade".

Os seguintes pasos antes do nomeamento da nova Delegada, serán a publicación no BOE do novo cargo de Francisco Fernández Liñares, o seu cese como Concelleiro de Urbanismo e a súa renuncia como Concelleiro nun Pleno extraordinario que previsiblemente terá lugar neste mes de xullo.

Nese momento a Delegada xa asumirá as súas novas responsabilidades. Ao mesmo tempo darán comezo os trámites administrativos para que Rosana Rielo, anterior Concelleira de Xuventude, asuma de novo ás súas funcións.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-alcalde-de-lugo-presenta-maria-novo-como-nova-delegada-de-urbanismo-en-sustitucion-de