O alcalde de Lugo invita á cidadanía a participar no acto de homenaxe a Paula Alvarellos o vindeiro primeiro de maio na Praza Maior
Unha escultura do artista Miguel Couto descubrirase mañá en lembranza á exalcaldesa e como recoñecemento institucional a súa figura e a súa contribución á cidade.
- Tema
- Alcaldía,
- Axenda institucional
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, quixo convidar hoxe a toda a cidadanía de Lugo ao acto de homenaxe á ex alcaldesa Paula Alvarellos, que tendrá lugar mañá, día 1 de maio, na Praza Maior, a partir das 13.30. Ese será o momento no que se descubra unha escultura realizada polo artista Miguel Couto, coa que honrar a Paula Alvarellos e recoñecer a súa contribución como rexedora á cidade de Lugo. Semanas atrás acordouse coa propia familia de Alvarellos Fondo celebrar este acto o 1 de maio, por ser o Día dos Traballadores e por tratarse dunha data moi significativa e especial para a familia.
A escultura institucional en homenaxe a Paula Alvarellos instalarase provisionalmente ao fondo da Praza Maior, ata que se poda trasladar ao seu emprazamento definitivo, nun dos xardíns do Parque Rosalía de Castro, por ser o lugar favorito da cidade da que fora alcaldesa e por ser ademais un dos enclaves máis emblemáticos e fermosos de Lugo.
A peza escultórica, fabricada en bronce polo artista Miguel Couto, reforzará a dimensión simbólica e patrimonial do espazo urbano de Lugo, ao tempo que “rende unha sincera homenaxe a nosa alcaldesa Paula Alvarellos; honrando a quen serviu ata o último momento á cidade de Lugo, con traballo, compromiso, valentía e tesón” sinalou o alcalde Miguel Fernández.
Ademais do descubrimento desta escultura, a homenaxe contará con breves intervencións, entre elas a da propia familia, e coa lectura dun poema escrito polo primo de Paula Alvarellos, José Mato Fondo. A homenaxe concluirá con música, coa canción Imagine, de John Lennon, para a continuación pechar o acto co tema The long and winding road, de The Beatles.
