O alcalde conclúe a rolda de contactos coas candidatas a reitoras da USC, cunha reunión con Maite Flores e o seu equipo
Miguel Fernández abordou coa catedrática de Óptica algúns aspectos do seu programa para o Campus Terra, co futuro da Escola de Enfermería e do Pazo de Montenegro no punto de mira do Concello de Lugo.
- Tema
- Alcaldía,
- Educación,
- Centros de ensino,
- Educación pública

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, concluíu a súa rolda de contactos coas candidatas a reitoras da USC, de cara ás eleccións, que arrancarán pasado mañá coa primeira volta das votacións, nunha reunión coa catedrática de Óptica Maite Flores e parte do seu equipo. Ao igual que nos encontros mantidos co resto de candidatas, o rexedor interesouse polo programa para a USC e de xeito especial polos seus plans para un maior avance e descentralización do Campus Terra. Ademais, Miguel Fernández quixo coñecer de primeira man os plans de futuro desta candidata para dous dos aspectos polos que o alcalde amosou máis interese como é o futuro da Escola de Enfermería e o Pazo de Montenegro, anterior sede do Vicerreitorado.
O rexedor lucense aproveitou o encontro con Maite Flores para trasladar o apoio do Concello para continuar e incluso ampliar unha colaboración co Campus Terra, que vai máis aló do eido académico e formativo, e que se traduce por exemplo no ámbito deportivo, cultural e económico.
