Nota de prensa da Policía Local
O Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo confirma a sanción da Policía Local a un condutor por condución temeraria.
- Tema
- Protección da comunidade,
- Seguridade,
- Tráfico
Un Tribunal de Instancia de Lugo desestimou o recurso contencioso-administrativo interposto por un condutor contra a sanción que lle foi imposta polo Concello de Lugo por condución temeraria, confirmando con iso a resolución sancionadora e condenando ao demandante ao pagamento das custas do proceso.
Os feitos remóntanse ao 1 de maio de 2023, cando o condutor acelerou bruscamente ao acceder a unha intersección da rúa Manuel María, perdeu o control do vehículo, derrapou e impactou contra un vehículo estacionado. A colisión foi de tal intensidade que desprazou este vehículo contra o seguinte, e este contra un terceiro, nunha cadea que afectou a tres turismos estacionados. Testemuñas presenciais confirmaron aos axentes que o condutor realizara unha forte aceleración ao acceder ao cruzamento, que realizara manobras similares nese mesmo punto en momentos anteriores, e que a escasos metros dos vehículos impactados se atopaban persoas sentadas na terraza dun establecemento de hostalaría. O atestado reflectiu tamén que o vehículo rebasara dúas liñas continuas invadindo o carril contrario e que os airbags saltaran, o que ratificaba a violencia do impacto.
A vía penal concluíu coa absolución do condutor, ao non apreciarse o perigo concreto que esixe o tipo delituoso. Porén, a Policía Local de Lugo identificou naquel momento que a aceleración brusca, o derrape, a invasión do carril contrario e o risco xerado sobre persoas e bens reunían con claridade os elementos da infracción administrativa moi grave de condución temeraria, que opera con parámetros distintos e menos esixentes que o tipo penal. Sobre esa base, a Policía Local iniciou o correspondente expediente sancionador, que concluíu cunha multa de 500 euros e a retirada de seis puntos do permiso de condución.
A sentenza agora ditada avala integramente ese plantexamento. A xuíza declara acertada a cualificación xurídica realizada pola Policía e axustada a dereito a sanción imposta, subliñando que a absolución penal non impedía a sanción administrativa cando, como neste caso, aquela non se fundou na inexistencia dos feitos senón na ausencia do perigo concreto que esixe o delito. A proba reunida no atestado; declaracións de testemuñas, fotografías do sinistro, marcas de derrape na calzada e a propia entidade dos danos materiais, foi determinante para soster a resolución sancionadora.
Este resultado pon de manifesto a solidez xurídica do traballo realizado pola Policía Local de Lugo. Este resultado confirma que a análise xurídica foi correcta e que o atestado policial estaba construído coa solidez suficiente para soster a sanción ante os tribunais.
